spot_img
InicioVigo e áreaPazos de BorbénSoutomaior e Pazos de Borbén inician a redacción dos seus Plans de...

Soutomaior e Pazos de Borbén inician a redacción dos seus Plans de Acción Contra o Cambio Climático

A Xunta crea a Comisión Interdepartamental que porá en marcha as primeiras medidas da Estratexia de Cambio Climático e EnerxíaO obxectivo europeo é reducir polo menos un 30% o consumo enerxético e o 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro

Os concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén acaban de iniciar a creación da súa folla de roteiro para combater os efectos do cambio climático. Un paso necesario tras a recente adhesión de ambos os municipios ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía e que determinará as accións que os gobernos locais deberán levar a cabo nos próximos anos para reducir o seu impacto ambiental conforme aos obxectivos europeos.

O primeiro paso necesario para a creación deste plan é a de realizar unha auditoría técnica que analice o actual impacto ambiental de ambos os Concellos. Un estudo que xa foi adxudicado por un importe de 5995,55 euros no caso de Soutomaior e de 3999,05 en Pazos de Borbén. O custo desta análise financiarase grazas á axuda que a Consellería de Medio Ambiente puxo ao dispor dos municipios incluídos no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

Unha vez finalizada a auditoria na que se recollen os principais indicadores do impacto ambiental actual acometerase a redacción da folla de roteiro necesario para alcanzar os obxectivos marcados pola Unión Europea, reducir polo menos o 27% do consumo enerxético e o 40% das emisións de dióxido de carbono, antes do ano 2030.

As estratexias para levar a cabo estas reducións pasan, entre outros factores, pola renovación da rede de iluminación pública con lámpadas LED para diminuír o consumo eléctrico e a actualización de sistemas de calefacción por outros baseados en enerxías renovables, como o xa instalado no novo instituto público de Arcade, para afrontar a redución de emisións de gases.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicou que “esta é unha mostra máis do compromiso deste goberno co medio ambiente e que se une ao resto de accións que estamos a levar a cabo, como a renovación das dúas depuradoras do municipio, o programa de compostaxe doméstica e comunitaria ou as melloras na rede de recollida de augas pluviais, entre outros proxectos”.

Pola súa banda, o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou que só cos proxectos actuais para a renovación de iluminación pública superarase a redución de consumo eléctrico necesaria. “Coa instalación das farois LED na parroquia de Moscoso e o barrio de Mosteiro estamos a ver que o consumo descende sobre un 70% neses puntos. Cando terminemos de renovar a rede en todo o municipio superaremos con fartura os obxectivos europeos”, finalizou o rexedor pacense.

O pacto mundial dos alcaldes aproveita a experiencia obtida durante os últimos 8 anos en Europa e nas rexións circundantes e desenvolve os factores crave do éxito da iniciativa. Actualmente pertencen a este pacto que loita contra o cambio climático 7.000 autoridades locais e rexionais de 57 países.

- Publicidade -spot_img