Na xornada deste xoves día 29 de agosto de 2019 os socorristas, que prestan os seus servizos nesta tempada estival nas praias guardesas, tiveron a oportunidade de facer unha práctica de salvamento moi importante para a súa formación.
Neste caso levouse a cabo un simulacro de emerxencias contando coa participación do Helicóptero Pesca1 do servizo de Gardacostas de Galicia.
Neste exercicio participaron 2 socorristas coa embarcación e o helicóptero Pesca1, simulando o rescate dunha persoa empregando un moneco, que foi lanzado á auga e despois rescatado e izado no helicóptero.
Os bañistas do areal do Muíño, na desembocadura do Río Miño, presenciaron asombrados este simulacro, que tivo unha duración aproximada de 20 minutos.
Dende o Concello da Guarda agradécese o traballo dos socorristas que prestan os seus servizos nos areais da vila, así coma a participación da equipa do Helicóptero Pesca1 con base en Vigo para poder realizar estes adestramentos, tan importantes para a formación dos socorristas en caso dunha emerxencia real.



