spot_img
InicioCondado ParadantaSalceda de Caselas estrea rede wifi gratuíta nos espazos públicos

Salceda de Caselas estrea rede wifi gratuíta nos espazos públicos

Salceda de Caselas estrea rede wifi gratuíta nos espazos públicos
A alcaldesa, Loli Castiñeira e Alex Rodríguez, concelleiro de Novas Tecnoloxías, supervisan as obras de instalación do wifi

Esta fin de semana, na que se prevé a asistencia de milleiros de persoas con motivo da XXVII Festa dos Callos, o Concello de Salceda botará a andar un servizo de wifi gratuíto en diferentes espazos públicos, para o uso do público en xeral.

O sistema conta coas últimas tecnoloxías wifi de 2,4 e 5 Ghz, capaz de soportar un gran número de usuarios/as sen descenso do rendemento. Contará con puntos de acceso na Praza do Concello, Casa da Cultura Castelao, Praza da Devesa, CDL O Torrón e Pavillón Municipal, e garantirá o acceso gratuíto mediante banda ancha ao público en xeral, o que garantirá tamén o acceso á administración electrónica, eliminando a barreira que supón para unha parte da cidadanía o acceso a internet. A Unión Europea supervisará que se cumpran en todo momento os criterios de calidade da conexión, que non debe baixar de 30 Mbps, e debe estar garantida por un período mínimo de tres anos.

O proxecto supuxo un investimento de 28.846,60 €, dos cales 15.000 € son aportados pola Unión Europea dentro do programa wifi4eu, e o resto polo propio Concello.

O  programa wifi4eu estase a implantar en milleiros de municipios de toda Europa, dos cales unha vintena son municipios galegos, polo que para Salceda é un privilexio poder formar parte do programa.

Salceda foi un dos cinco primeiros municipios de Galicia en beneficiarse do programa, xunto con Cerdido, Oleiros, Rianxo e Toén, aínda que na actualidade o proxecto xa está a chegar a unha vintena de concellos galegos.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, valorou o programa como “un privilexio para Salceda. A nosa veciñanza vaise beneficiar dunha rede wifi aberta, gratuíta e de grande calidade, o que sen dúbida constituirá un novo aliciente á hora de escoller Salceda como lugar de residencia para novos veciños e veciñas”.

- Publicidade -spot_img