spot_img
InicioPontevedra e ÁreaSilva ensalza o papel das "referntes galegas" para rachar cos estereotipos, visibilizar...

Silva ensalza o papel das “referntes galegas” para rachar cos estereotipos, visibilizar a pegada da muller e construír modelos a seguir

Silva ensalza o papel das "referntes galegas" para rachar cos estereotipos, visibilizar a pegada da muller e construír modelos a seguirA presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á presidenta de “Executivas de Galicia”, Carla Reyes, participou onte en Vigo no acto de presentación do proxecto “Referentes Galegas”, iniciativa que se ten convertido en pioneira en Galicia. “Penso que este proxecto é fundamental xa que permite rachar cos estereotipos, visibilizar a pegada da muller en diferentes eidos da sociedade e construír modelos a seguir para as nenas e mulleres galegas”, asegurou Carmela Silva no transcurso da presentación, que foi conducida por Diana Nogueira e que contou coa música en directo a cargo de Carmen Penín.

Na súa intervención, Silva asegurou que este proxecto entronca coa urxencia que existe para que as nenas teñan modelos que mostren que calquera muller pode chegar a onde ela queira. “Cantas veces nos preguntamos porque as rapazas máis novas non son capaces de dar nomes de mulleres que admiren, traxectorias profesionais que queiran emular?, preguntou a presidenta. Queremos cambiar ese descoñecemento, pero a ausencia de nomes de mulleres se explica pola invisibilización á que se someteu a mulleres moi importantes en todos os campos, que non tiñan recoñecemento, dixo Silva. Necesitamos referentes par visibilizar o papel da muller, para rachar estereotipos e ocupar os espazos que por xustiza nos corresponde”.

Neste eido a presidenta provincial recordou que “acábanse de entregar os premios extraordinarios Fin de Carreira a 69 persoas das cales 49 foron mulleres e 20 homes, representamos o 71% do talento pero non ocupamos esa porcentaxe en postos de dirección, de liderado, de responsabilidade. Estamos lamentablemente moi lonxe dese número”, asegurou Silva. Por iso “este proxecto é moi necesario, xa que hai centenares de mulleres que están a brillar con luz propia, que están a liderar iniciativas que nos sitúan á vangarda da ciencia, da tecnoloxía, da medicina, das matemáticas, da empresa, do dereito ou do ensino, e precisamos sacar á luz todo este talento”.

Pola súa banda, Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia, sinalou que “estamos moi orgullosas de presentar este directorio xa que é a nosa aportación para crear un auténtico inventario do talento feminino galego que seguiremos a crear día a día”.

O acto de presentación contou con Lidia Enrich e Mónica Peláez, da Xunta Directiva de “Executivas de Galicia” que se encargaron de dar a coñecer “Referentes Galegas”, explicando a valoración positiva e a visibilidade que xa conseguiron algunhas das referentes que forman parte do directorio. Amais, animaron a seguir realizando propostas e sumando mulleres ao proxecto. A continuación, tivo lugar unha mesa de debate coas “Referentes Galegas”, África González (directora do CINBIO e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía), Andrea González (directora técnica da orquestra Vigo 430), Lola Galovart (maxistrada en Vigo) e Tesa Díaz-Faes (directora de Comunicación en Grupo Nueva Pescanova), que falaron sobre o papel do programa e das perspectivas do futuro da muller no ámbito profesional.

Trala mesa de debate proxectouse o vídeo do proxecto coa participación de Vanesa Alonso (campioa do mundo de pádel), Ana J. Varela (directora financieira da OCDE), Marisol Soengas (xefa do grupo de melanoma e decana para Asuntos Científicos no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas), e María Rúa (directora executiva en IHS Markit). Tamén se visualizaron videos nos que mulleres do directorio deixaron as súas mensaxes, como Ana J. Varela, Directora Financiera da OCDE, ou María Rúa Aguete, Directora Executiva en IHS Markit.

“Referentes Galegas” conta actualmente con máis de 200 mulleres, entre as que tamén se atopa a presidenta da Deputación Carmela Silva. O proxecto naceu para dar visibilidade a mulleres profesionais galegas con liderado nos seus respectivos sectores profesionais. Deste xeito, 24 mulleres do proxecto desenvolven a súa actividade na provincia de Pontevedra e ocupan postos relacionados coa ciencia, xerencia, dirección de empresas e departamentos, xefaturas, dirección técnica, vicerreitorías, outras son catedráticas de universidade, profesoras, maxistradas, notarias ou médicas que desenvolven postos de responsabilidade no eido da saúde. Trátase dun directorio vivo, ao que cada día se van sumando novas profesionais que poden converterse en referentes para outras mulleres galegas. Deste xeito, a través desta iniciativa estase a configurar unha base de datos pública de utilidade para medios de comunicación, organismos ou entidades que requiran a colaboración ou información dunha profesional muller, ben sexa como relatora, como colaboradora nunha publicación, experta ou referencia de consulta.

- Publicidade -spot_img