spot_img
InicioPontevedra e ÁreaSilva ensalza o papel da cultura como "eixo fundamental de desenvolvemento" na...

Silva ensalza o papel da cultura como “eixo fundamental de desenvolvemento” na celebración do Día de Galicia

Silva ensalza o papel da cultura como "eixo fundamental de desenvolvemento" na celebración do Día de GaliciaCarmela Silva confirmou a súa asistencia ao Festival Intercéltico de Lorient ata onde se desprazará para acompañar á Banda de Gaitas de Forcarei e a de Música de Silleda, que actuarán “de embaixadoras da provincia”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais, celebrou o Día de Galicia cun acto no que a cultura e a música galega foron as protagonistas. A Banda de Gaitas de Forcarei e a de Música de Silleda, que serán embaixadoras da provincia de Pontevedra entre o 2 e o 11 de agosto no Festival Intercéltico de Lorient, interpretaron varias pezas musicais que culminaron co Himno Galego.

Ante numeroso público que se achegou aos xardíns da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que “a cultura é un eixo fundamental de desenvolvemento da provincia de Pontevedra e será un dos obxectivos principais deste mandato”. Neste eido, a presidenta provincial incidiu na importancia de democratizar o acceso a cultura e achegala á cidadanía con actos “como este, no que celebramos o Día de Galicia no espazo público, onde está a xente”. En concreto Silva fixo fincapé na importancia da música “un dos elementos identificadores e de autenticidade deste país”.

Máis polo miúdo, a presidenta recordou como a través da música a provincia de Pontevedra soubo converterse nun referente internacional. Neste eido, Carmela Silva lembrou a figura de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, “o mellor gaiteiro de Galicia, como así o nomearon en 1924 en Santiago de Compostela, que levou o noso son e a nosa provincia ata Barcelona, Buenos Aires –onde tocou no Teatro Avenida con decorados realizados por Castelao-, Montevideo, Brasil e ata reclamados para a apertura das Olimpíadas de Berlín”.

Deste xeito, na Deputación de Pontevedra “queremos converter en protagonistas deste acto tan importante no que celebramos por vez primeira o Día de Galicia ás bandas seleccionadas para representar á provincia de Pontevedra no 49ª Festival Intercéltico de Lorient, en Francia, que este ano homenaxea a Galicia. Carmela Silva detallou o importante papel da Banda de Gaitas de Forcarei e a de Música de Silleda como embaixadoras da provincia: “por iso hoxe tiñan que estar aquí e por iso xa lles anuncio que eu tamén irei ata Lorient para acompañalas e acompañalos, para amosar o orgullosa que estou de que estas bandas, con poucos recursos pero con moito esforzo e compromiso, sexan a alma do noso pobo. Galicia ten moito futuro, ímolo construír xuntas e xuntos, pero mirando o que somos e nós somos cultura”.

Ambas bandas acudirán ata a localidade francesa de Lorient entre o 2 e o 11 de agosto onde demostrarán o seu bo facer ante representantes doutras agrupacións de Escocia, Irlanda, Gales, Cornualles, Asturias, Gran Bretaña, Estados Unidos, Australia ou Canadá. De media acoden cada ano ata esta localidade da Bretaña Francesa ata 750.000 persoas para gozar da música de orixe e tradición celta.

- Publicidade -spot_img