spot_img
InicioPontevedra e ÁreaSilva comprométese a visibilizar as mulleres con diversidade funcional en todos os...

Silva comprométese a visibilizar as mulleres con diversidade funcional en todos os actos de igualdade da Deputación de Pontevedra

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva  denunciou no III Encontro Provincial pola Inclusión a necesidade de garantir o seu acceso ao mercado laboral e a accesibilidade universal

Carmela Silva, comprometeuse durante a xornada técnica do III Encontro Provincial pola Inclusión a que “en cada acto que organice a Deputación para defender os dereitos das mulleres, as mulleres con diversidade funcional van participar”. Silva asegurou que esta decisión débese a que “as mulleres con diversidade funcional teñen as mesmas desigualdades que todas nós, pero ademais sofren unha segunda desigualdade”. A Presidenta tamén informou dun dato “que nos ten que alarmar para tomar medidas: o 23% das mulleres con diversidade funcional sufriu ou sofre violencia física, sexual ou medo, fronte ao 15% das mulleres sen diversidade funcional”. Por todos estes motivos, “ímolas facer visibles, na Deputación vaise acabar esta situación”. A Presidenta anunciou que “na acción máis inmediata que organicemos a primeira invitada será Ánxela López Leiceaga”, presidenta da asociación VIGalicia que promove a vida independente das persoas con diversidade funcional e que estivo presente na xornada do Encontro. “Agradezo a túa valentía e a túa garra, precisamos moitas mulleres coma ti”.

A Presidenta provincial fixo unha segunda reclamación para “que todas as administracións aposten pola accesibilidade universal como o fai a Deputación de Pontevedra. Queremos un territorio onde todas as persoas teñan cabida e tomamos moitas medidas para iso”. Carmela Silva referiuse ao “Plan Móvese e a todas as nosas propostas de infraestruturas e recuperación dos espazos públicos” e avogou por que “a accesibilidade universal sexa un obxectivo prioritario non para mañá, para hoxe”.

A Presidenta tamén se referiu ao emprego. Silva lembrou que “na provincia de Pontevedra hai preto de 85.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional recoñecida”, sendo “a provincia galega cunha maior porcentaxe de persoas con diversidade funcional, cun 9% fronte ao 8,3% de Ourense, o 8,2% da Coruña e o 6,3% de Lugo”. Desas persoas, algo máis do 35% son activas para o mercado laboral, pero “a taxa de emprego sitúase no 25% no Estado e no 21% en Galicia”, denunciou. Ademais, no que se refire á diversidade funcional intelectual, os datos amosan que das 92.000 mulleres que padecen algún tipo “20.000 están preparadas para traballar e só 6.000 están ocupadas, é dicir, só o 6% delas”. Ademais, “este dato fala moi particularmente da desigualdade, porque no caso dos homes esta mesma cifra se sitúa arredor do 12%”.

Ante todos estes feitos, a Presidenta concluíu que “precisamos tomar medidas inmediatas que garantan a igualdade de oportunidades e a inclusión laboral das persoas –pero particularmente das mulleres– con diversidade funcional, e tamén que a accesibilidade universal deixe de ser unha palabra bonita recollida nos documentos para ser unha realidade. Precisamos garantir tamén a formación e a atención, sexa sanitaria, social ou de calquera tipo, porque de non ser así unha porcentaxe moi importante das persoas estará fóra das redes de atención”. A este respecto, Carmela Silva denunciou que “os coidados seguen a recaer nas mulleres, pero gustaríame que o 50% da poboación estea en todos os ámbitos, sexa cal sexa, o que signifique que tamén os homes se dediquen a coidar das persoas con diversidade funcional”.

A xornada técnica é a primeira das dúas que compoñen o III Encontro Provincial pola Inclusión. Tivo lugar no Museo de Pontevedra e nela “falamos de emprendemento, da situación laboral das persoas con diversidade funcional e particularmente da situación das mulleres”, asegurou a Presidenta provincial. “Trátase de escoitar á sociedade para que poidamos incluír as súas demandas nas nosas políticas, dentro das nosas capacitades e competencias. Un exemplo diso é a denuncia da invisibilidade das mulleres con diversidade funcional, que agradezo e collo como propia”, asegurou Carmela Silva. Unha das participantes ía ser a xornalista e activista Anita Botwin, á que a Presidenta enviou “unha aperta enorme porque non puido asistir xa que se puxo enferma”.

Nesta xornada técnica as persoas asistentes desfrutaron de intervencións dinámicas, exposicións e actuacións nas que se abordaron distintas cuestións relacionadas coas persoas con diversidade funcional, xerando un espazo onde expoñer boas prácticas dun xeito creativo. Mañá, o pavillón do Centro Príncipe Felipe acollerá a xornada de convivencia, unha xornada lúdica á que asistirán persoas relacionadas con organizacións e entidades que desenvolven o seu labor no ámbito da inclusión e da igualdade, familias e público xeral.

- Publicidade -spot_img