Inicio Pontevedra Silva apela a "outro modelo de consumo" no marco da Semana Mundial...

Silva apela a “outro modelo de consumo” no marco da Semana Mundial de Acción polo Clima

Silva apela a "outro modelo de consumo" no marco da semana Mundial de Acción polo ClimaA presidenta da Deputación de Pontevedra apelou á necesidade de coidar o planeta. “Temos que resolver no século XXI os erros do século XX”  coa implicación “de todas as administracións e de toda a cidadanía. Temos que tomar decisións e comprometernos”

No marco da Semana Mundial de Acción polo Clima a Deputación de Pontevedra vén de realizar esta mañá unha nova acción centrada no consumo sustentable e comercio xusto na que a Fundación Emaús e Solidariedade Internacional puxeron á venda produtos respectuosos co Medio Ambiente e as persoas. A presidenta provincial salientou a importancia desta iniciativa para “concienciar sobre outro modelo de consumo diferente” ao tempo que apelou á veciñanza da provincia “para construír un mundo diferente e moito mellor”.

Carmela Silva remarcou que “nacemos nunha sociedade consumista na que a única rentabilidade é o beneficio económico, esquecendo que así ponse en perigo a vida do ser humano e do planeta, porque o planeta está en perigo e temos que dicilo alto e claro. Por iso estamos dedicando toda esta semana a falar de cuestións que debemos modificar, si ou si”.   Neste eido a presidenta provincial apelou á necesidade de traballar para construír unha provincia sostible: “debemos resolver no século XXI os erros do século XX”. Tamén instou á implicación de todas e de todas, porque “coidar o planeta non é cousa da ONU, é de todas as administracións e de toda a cidadanía. Temos que tomar decisións e temos que comprometernos, debemos cambiar os nosos hábitos, e apaixóname ver mozas, xente nova, que están elevando un grito no mundo cun discurso que di que basta xa”.

Neste eido, a presidenta provincial remarcou a importancia de Solidariedade Internacional e da Fundación Emaús protagonistas da acción realizada esta mañá no Pazo Provincial da Deputación.  “Ambas levan moito tempo traballando por construír un mundo mellor”, asegurou Carmela Silva. Sobre Emaús enxalzou o seu compromiso coas persoas e coa inclusión e inserción laboral. No que respecta a Solidariedade Internacional destacou o papel que desenvolve para promover un comercio xusto, que ten en conta as condicións medioambientais e sociais dos países onde se producen as materias primas.

A presidenta provincial tamén amosou a súa satisfacción porque detrás dos stands da Fundación Emaús e Solidariedade Internacional “atópanse mulleres. As mulleres estamos traballando activamente por cambiar o sistema, non soamente dende o feito que reclamamos que o 52% ocupe a metade de todo, senón tamén por ter  unha sociedade que se comprometa a facer fronte a todo aquilo que está danando o noso mundo, o mundo no que vivimos”, destacou Silva.

Pola súa banda, a responsable de Solidariedade Internacional detallou que a organizacón leva xa máis de 20 anos traballando en Pontevedra achegando o comercio xusto á cidadanía, un comercio que pon no centro ás persoas e ao medio ambiente. Nos stands de Solidariedade Internacional situados esta mañá no Pazo provincial púidose mercar azucre, cacao e café procedentes de producións sostibles co medio ambiente e as persoas.

No caso da Fundación Emaús leva máis de 40 anos en España traballando polo desenvolvemento sostible. Concretamente a Fundación traballa para favorecer a inserción laboral mediante o fomento do emprego, a través de empresas de economía social e solidarias. Algunhas delas, como “Sen desperdicio”, centradas na reutilización de produtos de orixe domiciliario e na economía circular. Deste xeito, no stand de Emaús puídose mercar esta mañá no Pazo provincial da Deputación  produtos elaborados con lonas e carteis publicitarios.

Ademais desta acción, tamén hoxe e no marco da axenda propia da Deputación con motivo da Semana Mundial da Acción polo Clima se instalaron os novos colectores de residuos en Príncipe Felipe, ata onde se desprazou a deputada delegada Noemi Outeda.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies