Inicio Vigo e área Vigo Silva amosa o seu apoio á reivindicación das redeiras na Xornada de...

Silva amosa o seu apoio á reivindicación das redeiras na Xornada de Fundamar e Anfaco

Silva amosa o seu apoio á reivindicación das redeiras na Xornada de Fundamar e AnfacoA presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou en Vigo o seu apoio á reivindicación das redeiras para acadar dereitos como a xubilación anticipada e defendeu a loita das mulleres do mar e da conserva para acadar a visibilización e igualdade de dereitos

“Non se entende o sector do mar sen a aportación das mulleres” e “non se entende a economía galega sen a muller do mar”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo hoxe un “recoñecemento obrigado que lles debemos toda a sociedade”, para destacar a grande aportación das mulleres a este sector produtivo ao longo da historia e o marcado papel que tiveron na defensa da sustentabilidade.

Silva participou na quinta Xornada sobre o Papel da Muller no Sector Pesqueiro e Conserveiro organizadas por Fundamar e Anfaco en Vigo, onde defendeu “todo o aportado” polas mulleres “en traballos durísimos” do mar, como o das mariscadoras, as conserveiras ou as redeiras, colectivo este último a quen se dirixiu para apoiar “reivindicacións tan xustas como o seu dereito á xubilación anticipada” , así como a loita das asociacións das mulleres do sector na súa procura da igualdade de dereitos.

Ante un público feminino, a presidenta da Deputación destacou que “sodes un orgullo para Galicia e a economía de Galicia” e que sectores como a conserva, que tanto teñen significado para a industria galega, levan “nome de muller”. “Non nos postos de dirección, pero no traballo estabades todas mulleres”, indicou. “Sentídevos grandes, orgullosas, porque tedes aportado moito e a sociedade. Nós somos herdeiras de mulleres coma vós, das que aprendemos tanto”.

Carmela Silva explicou que xa ten mantido reunións con colectivos como os das mariscadoras, conserveiras, mulleres das confrarías ou redeiras. “Os homes acadaron moitos dereitos, que as mulleres que tamén traballaron no mar non acadaron porque eran invisibles, porque non estaban organizadas –insistiu-. E hoxe están reclamando que queren os mesmos dereitos. E eu téñoo claro: contades coa presidenta da Deputación e o seu Goberno para defender os dereitos das mulleres do mar. Temos que reclamar e a reclamación é xusta. Defender os dereitos das mulleres ten que estar no primeiro chanzo da política e das institucións”. Así mesmo, anunciou a posta en marcha de actividades de formación e información dirixidas ás mulleres do mar “sobre todo o que teña que ver con tributos e cos impostos, para que teñan información das subvencións, poidan asociarse e ter presencia, e coñezan os seus dereitos e os poidan esixir”.

Silva salientou outras iniciativas coas que a institución provincial está a salientar o papel das mulleres no mar, como é o caso dos murais de “Expostas” en Vigo, cun dedicado ás conserveiras, así como o proxecto “Mar en feminino”, desenvolvido coa Universidade de Vigo, que entre outras accións conta cunha web, “na que están mariscadoras, redeiras, conserveiras, investigadoras, mulleres do mundo da Universidade, da acuicultura… Están as súas historias e o que teñen aportado”.

Tamén citou “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, coa que a Deputación ten en itinerancia por concellos e centros educativos. “Con esta mostra, agora si, a xente dos concellos e as rapazas e rapaces teñen visible o que aportan as mulleres ao sector”, indicou Silva. Tamén mencionou o proxecto “Marisqueo nas Rías Baixas”, o roteiro nas que as persoas participantes poden coñecer en primeira persoa o traballo das mariscadoras e a importancia de garantir a sustentabilidade do mar.  “As mulleres estamos a defender que o mar hai que coidalo porque é o noso futuro”, concluíu.

A presidenta da Deputación tamén salientou na xornada o traballo que realizan Fundamar e Anfaco na visibilización do papel das mulleres do mar e, amais dous seus presidentes, Javier Touza e Juan Viéitez, destacou especialmente o compromiso de María Caldeiro, xerente de Fundamar, e Mariña López, do Museo de Anfaco, para poñer en valor esta aportación feminina.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies