Inicio Pontevedra Silva amosa a súa satisfacción polo éxito do "Camiño Portugués pola Costa"...

Silva amosa a súa satisfacción polo éxito do “Camiño Portugués pola Costa” en FITUR

silva-amosa-a-sua-satisfaccion-polo-exito-do-camino-portugues-pola-costa-en-fitur

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou hoxe a súa satisfacción polo éxito acadado en Fitur do “Camiño Portugués pola Costa”, unha ruta que transcorre por quince concellos da provincia de Pontevedra, comezando na Guarda e dirixíndose cara o Norte polo Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas, Valga e Pontecesures. De feito, Silva engadiu que “a nosa presentación foi a que máis soprendeu, sumando máis do dobre de asistentes, con ducias de persoas de pe porque xa non había espazo no que sentarse”, convertendo á Deputación de Pontevedra na estrela do stand de Galicia.

A actuación promocional do “Camiño Portugués pola Costa” apoiábase nunha serie de pezas audiovisuais – en palabras da Presidenta provincial-  “espectaculares, nas que as persoas eran as protagonistas, en concreto, unha redeira, un arqueólogo, un investigador en aves mariñas, unha viticultora, unha experta en termalismo e outra en cascos históricos e, por outra banda, o Camiño Portugués pola Costa a través do percorrido que vai realizando un peregrino”.

Carmela Silva manifestou que outra das cuestións que “sorprendeu en Fitur foi o caderno de viaxe que recolle as etapas do Camiño Portugués pola Costa e os principais recursos turísticos que as peregrinas e peregrinos poden visitar mentres percorren a ruta, algúns deles pódense ver mediante a aplicación Rías Baixas RA de realidade aumentada”.

En concreto, o caderno de viaxe iníciase coa etapa entre A Guarda e Mougás, continúa entre Mougás e A Ramallosa, A Ramallosa- Vigo, Vigo- Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis e Caldas de Reis-Pontecesures. En todas e cada unha destas etapas, é posible ver algúns recursos turísticos a través da realidade aumentada, ler información relativa á distancia, desnivel, albergues, onde marcar a credencial e escribir ou colocar fotografías nos espazos destinados a estes fins.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que a canción “Un lugar en el mundo”, escrita polo músico das Rías Baixas Teo Cardalda e inspirada na brisa do Atlántico mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa, foi tamén “unha sorpresa” en Fitur, sumando a máis persoas á presentación do destino Rías Baixas.

A presenza física de Turismo Rías Baixas en Fitur trasladouse ó mundo dixital con grande éxito en redes sociais,  “o que –en palabras de Carmela Silva- nos anima a seguir apostando polas novas tecnoloxías no sector turístico”.  En concreto, a Presidenta referiuse ás máis de 288.000 persoas que seguiron a etiqueta #RiasBaixasWay, “contabilizándose 1,9 millóns de impresións ou impactos, o que supón un grande éxito en redes sociais” e engadiu que “as páxinas de Facebook da Deputación e de Turismo Rías Baixas, tiveron un alcance de 145.895 persoas, con contidos e vídeos que se reproduciron máis de 41.000 veces. Amais, as pezas audiovisuais que presentamos en Fitur dispostas nas canles de Youtube da Deputación e de Turismo Rías Baixas foron reproducidas máis de 2.200 veces e os vídeos de demostración da realidade aumentada contabilizan na primeira fin de semana máis de 12.000 reproducións e impresións nas redes sociais”.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies