spot_img
InicioCondado ParadantaSeis concellos galegos achéganse ás políticas de sustentabilidade dos municipios portugueses

Seis concellos galegos achéganse ás políticas de sustentabilidade dos municipios portugueses

Seis concellos galegos achéganse ás políticas de sustentabilidade dos municipios portuguesesO Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza os ‘Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ coa colaboración da Xunta

Promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local é a finalidade dos ‘Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ que durante un mes se desenvolverán en seis vilas galegas. Os concellos de Ponteareas, Vilagarcía, Pontevedra, Guitiriz, As Pontes e Verín recibirán a cadansúa delegación de Amadora, Matosinhos, Faro, Seixal, Maia e mais Loures e Palmela, respectivamente, para coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza os encontros, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.

Os Intercambios Galicia-Portugal arrincan hoxe en Ponteareas e rematarán o 5 de decembro en Verín, cunha duración de 2 días en cada concello, onde as sesións estarán dinamizadas por persoal especializado da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, as xornadas de traballo permitirán profundar nas fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais. Sensibilización, adaptación, implementación e monitorización son as catro fases deste proceso, que permitirá definir as estratexias para que cada concello contribúa a facer realidade a Axenda 2030.

Cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos. Estímase que o 65% destas metas só poderán acadarse cunha implicación directa dos gobernos rexionais e locais, que baixo esta nova ollada deberán revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e sectorial e impulsar novas dinámicas de gobernanza. A superación de moitos dos desafíos identificados nos ODS depende pois da administración municipal, que pola proximidade á cidadanía pode coñecer e dar resposta ás súas necesidades. Os ODS son tamén unha oportunidade para mobilizar e empoderar aos axentes locais arredor de aspiracións comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.  

Axenda dos Intercambios

DATAMUNICIPIO GALEGOMUNICIPIO PORTUGUÉS
5-6 novembroPonteareasAmadora
7-8 novembroVilagarcía de ArousaMatosinhos
19-20 novembroPontevedraFaro
21-22 novembroGuitirizSeixal
2-3 decembroAs PontesMaia
4-5 decembroVerínLoures e Palmela
- Publicidade -spot_img