spot_img
InicioBaixo MiñoSantiago Apóstolo e San Telmo custodian ao “rei dos instrumentos” na catedral...

Santiago Apóstolo e San Telmo custodian ao “rei dos instrumentos” na catedral de Tui

Santiago Apóstolo e San Telmo custodian ao “rei dos instrumentos” na catedral de Santa María de Tui. Reportaxe incluida no nº4 da nosa revista.

Pasada a hora do Angelus a Praza de San Fernando recibe as primeiras notas que Nuria Peláez tece baixo a atenta vixilia dun Santiago matamoros.  Nas terrazas da praza veciños e peregrinos escoitan abraiados esas notas que brotan dos tubos que hai máis de tres séculos colocou o organero palentino Antonio del Pino Velasco. Os fieis apresuran o seu ingreso ao templo para escoitar a misa de domingo. Dentro e fóra gaña o recollemento. A beleza é cousa divina.Tui_Catedral_órgano_detalle

A catedral de Santa María da Asunción de Tui garda dous tesouros musicais. Mais para descubrilos tiven que baixar até a Igrexa de San Bartolomeu de Rebodáns acompañado do investigador local Christian Lago Núñez.  Nese intre celebraba misa don Avelino Bouzón Gallego, o gran erudito do bispado de Tui e cóengo arquiveiro da catedral. Bondadosamente, Avelino comprobou a autenticidade dunhas cartillas nas que el escribira unha historia precisa da construción e reviravoltas que sufriran as dúas xoias, obxecto da miña pescuda.

O rei dos instrumentos. Do lado da epístola, onde Nuria executa as pezas sacras, preside Santiago apóstolo. Doutro, o do evanxeo (norte), San Telmo tamén cabalga vestido de cóengo mais o seu instrumento está mudo dende hai un século.  As notas de Avelino refiren que o órgano,  “o rei dos instrumentos”,  chegou por partida dobre a Tui cando o día 6 de xuño de 1714 o mencionado Antonio del Pino Velasco asinou a instalación da parte instrumental dos órganos,  por valor de 3.600 reais de vellón.  Mentres que pola fábrica das caixas o escultor Domingo Rodríguez de Pazo González, veciño de San Xoán de Fornelos (Salvaterra do Miño),  recibiría o encargo o día 28 de setembro do mesmo ano. Se o realizaba nos seguintes 16 meses recibiría 1.500 ducados, segundo compromiso dos representantes da catedral, Benito de Araújo y Manuel Freire.Tui_Catedral_órgano_detalle

Curuxas, ratos e xilófagos. Aos poucos anos deberon ser restaurados. En 1754, segundo a documentación de Avelino, o tamén palentino Juan Francisco de Toledo, cobraba 300 ducados para reparar os estragos que nas caixas e tubos fixeran as curuxas, ratos e outros deturpadores da madeira. A maiores, a humidade que ataca “o segredo dos foles” e portaventos,  en termos do investigador, esixían unha vixilancia continua dos cambios de temperatura que afectaban estes elementos vitais do instrumento. “Como o restaurador non realizou o traballo no prazo fixado, o 21 de agosto do mesmo ano, adxudicouse o arranxo a Melchor González Maldonado, veciño de Santiago de Compostela”, puntualiza Avelino.

Días despois da visita a San Bartolomeu Esta vez acompañado polo meu compañeiro Jesús Bastida, achegámonos á catedral para observar os detalles da decoración barroca que ornamentan os instrumentos sustentados en dous balcóns. Comprobamos a existencia dunha imaxe de San Pedro na base  (pradela) do caixón do lado do órgano do evanxeo.  Tamén un medallón elíptico cun relevo dunha moza sentada ao órgano a carón dun neno espido que touca outro instrumento. No da epístola, outra alegoría musical coa figura dunha muller tocando a arpa.Tui_Catedral_órgano_detalle

Nos corpos superiores, furados para as tuberías agrupadas en sete castelos cal pezas de artillería. Complétase a decoración con sartas de froitas, festones, máscaras amerindias, pintados nas lingüetas dalgúns tubos, e representacións de mouros, nenos cantores, cabezas de querubíns e harpías. Todas elas xa descritas nos textos de don Avelino.

Completamos a xeira cunha parrafada amena con Suso Vila, experto en historia da arte que acotío guía aos visitantes do templo nos percorridos guiados polas instalacións. Achéganos a imaxe do chan da catedral e os seus muros tremendo por mor do terremoto e posterior maremoto que desbastou Lisboa o Día de Todos os Santos de 1755. A catedral – fortaleza de Tui tamén estivo afectada, máis as súas estruturas soportaron o sismo. Os órganos tamén segundo quedou asentado nos rexistros do bispado.

A nena que quixo ser organista. As pezas da reportaxe ían tomando forma no desvelamento dos misterios agochados neste patrimonio tundense. Máis quedaba por contar a historia de Nuria, a persoa encargada de dar vida no presente ao único dos órganos en activo, o da epístola.Tui_Catedral_órgano

Lembra que tiña 12 anos cando da man da súa nai entrou ao templo por primeira vez a escoitalo. Era o ano 1995 e o órgano viña de ser novamente reparado. Obra do restaurador Ignacio Márquez e máis o alemán, afincado en Barcelona, Gerhard Grenzig. Volvendo á fonte de don Avelino, ese día, Nuria debeu presenciar unhas interpretacións do crego e músico Joaquín Estévez, daquela o intérprete habitual.

A nena levaba dende os 8 anos tomando clases de piano e clarinete. Ficou abraiada e dende ese día forneceu na súa mente a ilusión de algún día ser ela quen abrira as cerimonias cos seus dedos xogando nas teclas. Convidada polo sacerdote don Ricardo García Fernández (recentemente falecido), fixo realidade o sono no ano 2003. A súa emoción medraba así como a certeza que tiña por diante unha alta dignidade e responsabilidade á que responder. No ano 2005 comezaron as clases de órgano no Conservatorio de Música de Ourense, o único onde podía estudalo en Galicia. En 2006 comezou a súa formación que rematou seis anos despois.

Don Avelino, Christian, Suso e Nuria, xunto a moitísimos tundenses agochan un fermoso soño: que nalgún momento cheguen orzamentos para dar voz ao órgano coroado por San Telmo. Un século de silencio son moitos anos de Deus.

Por Álvaro Agustín Peralta
Tui_Catedral_órgano_detalleTui_Catedral_órganoTui_Catedral_órgano_detalle

- Publicidade -spot_img