Santa María de Tebra: Un paseo polo Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón.

santa-maria-de-tebra-un-paseo-polo-ecoparque-arqueoloxico-do-monte-teton

– Vista dende o Monte Tetón dos vales de Tebra e Tomiño, e no fondo o río Miño e as serras do Portugal |© Álvaro Peralta

Camiñar por un sendeiro por riba dos 400 metros sobre o nivel do mar. Albiscar nun xiro de cabeza dende as ribeiras do Río Miño até os cumios próximos á Ría de Vigo. Deleitarse coas abraiantes pegadas que deixaron os mouros catro milenios atrás. Atopar unha familia de garranos ceibes pastando nun curuto. Entrar nunha antiga caseta pétrea de vixilancia forestal. Gozar de todos os cheiros da floresta baixo miñota. Para vivir todo isto e algunha aventura máis basta con achegarse ao Monte Castiñeira, no lugar máis ao norte do concello de Tomiño, en territorio da parroquia de Santa María de Tebra.

Chan do Outeiro, As Chans de Tebra e O Tetón son os topónimos maiores con que a cartografía oficial nomea a estas próximo a 500 hectáreas xestionadas pola Comunidade de Montes en Man Común de Santa María de Tebra. Nelas conviven outras organizacións como os TECOR societarios “La Tomiñesa” e “Tuy”, e un roteiro musealizado en colaboración co Concello de Tomiño coñecido como Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón.

Entrada ao Ecoparque sobre a carreteira Tomiño-Gondomar (P0-351) localizada a 1 km da rotonda de Couso.

Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón

O Ecoparque pode visitarse todos os días e de forma gratuíta. Os gravados con arte rupestre son uns dos maiores atractivos con máis de 4 milenios de antigüidade segundo as catas arqueolóxicas feitas no lugar. Salientan os petróglifos con círculos concéntricos atopados nas estacións do Real Seco e As Portaxes, os maiores destas características no continente europeo.

Todos eles están musealizados e contan con paneis informativos e unha web que pode consultarse durante as visitas cun móbil con conexión a Internet (Código Qr). No verán o Concello de Tomiño organiza visitas guiadas con asociacións culturais da zona.

O outeiro maior do parque e de todo o monte é  O Tetón. Nel unha marca xeodésica rexistra 455 metros sobre o nivel do mar. Neste miradoiro natural disfrútase dunha fermosa panorámica que percorre a conca do río Miño, as terras altas da raia portuguesa, os vales que corren entre O Tetón e a Serra da Groba, así como os cumios da Serra do Galiñeiro e unha fileira interminable de montes e serras que reclaman unha mesa toponímica que axude ao visitante a identificalos.

Paneis informativos cos resultados da intervención arqueolóxica no Monte Tetón. |© Álvaro Peralta

Todos estes puntos de interese son accesibles por una pista forestal que permite un paseo cómodo e pracenteiro, con algunha elevación de dificultade media no ascenso aos petróglifos. Son 1.7 Km de ida e outros tantos de volta a visita completa deste roteiro cheo de reviravoltas que a cada paso sorprenden ao visitante.

Petróglifo con 18 círculos concéntricos de 2.40 metros de diámetro localizado na estación As Portaxes. |© Bruno Centelles

Tanto antes como logo de feito o percorrido hai dispoñible un espazo para merendar ou refrescarse. O mesmo conta con mesas e cadeiras de formigón e sitúase a carón do aparcadoiro e  punto de inicio da ruta.

Para aqueles máis aventureiros, a pista que baixa dende ese merendoiro conduce até un monte que agocha no seu interior un “antigo forte”, segundo a veciñanza. Trátase dun castro coñecido como O Outeiro da Cruz, espazo arqueolóxico protexido pero inda sen recuperar para a súa visita.

Durante o paseo tamén poderán ser vistos exemplares de équidos ceibes que baixan dende a veciña Pinzás a pastar en Tebra. A súa presenza milenaria está constatada nesta zona do Baixo Miño, onde o espazo común coas Serras da Groba e o Galiñeiro a converten nun corredor natural para estes animais que circulan e acurralan nos curros da veciña comarca do Val Miñor.

O Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón é recomendable percorrelo sedo pola mañá ou na tardiña para apreciar mellor os gravados rupestres das rochas. Nunhas tres horas pódese visitar con andar paseniño e agradable sen deixar de gozar das belezas naturais así como dos tesouros e pegadas legadas polos devanceiros destas terras de Santa María de Tebra.

Por Álvaro Peralta

 

Please follow and like us:
Sen comentarios

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies