spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Monte Real Club de Yates de Baiona é distinguido coa Q de Calidade

O Monte Real Club de Yates de Baiona é distinguido coa Q de Calidade

monte-real-club-yates-baiona-e-distinguido-coa-q-calidadeA aposta do Monte Real Club de Yates pola excelencia turística acaba de ser recoñecida coa Q de Calidade, unha distinción concedida polo Instituto para a Calidade Turística de España ( ICTE) que recoñece a aqueles establecementos que prestan un servizo ao máis alto nivel dentro do sector do turismo.
 
A calidade, a profesionalidade e a seguridade foron tres dos aspectos que se tiveron en conta á hora de outorgarlle o distintivo ao club baionés, que tamén destacou en fiabilidade, rigorosidade e prestixio. Actuacións concretas como a elaboración dun manual de boas prácticas ambientais, a construción dun paseo adaptado para persoas con discapacidade ou a prestación de servizos en varios idiomas, permitíronlle ao Monte Real obter un recoñecemento que demostra que os servizos que ofrece axústanse ás necesidades e expectativas dos seus clientes.
A Q de Calidade Turística recoñece a aqueles establecementos que prestan un servizo de calidade, profesionalidade e seguridade
 
O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, foron os encargados de izar, este mediodía nas instalacións do club, a bandeira co distintivo, creado en 1997 para diferenciar e promocionar establecementos relacionados co turismo.
 
“A nosa vocación de mellora e as nosas ganas por ofrecer o mellor servizo posible a socios e visitantes foron claves – asegurou o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez- á hora de conseguir esta prestixiosa distinción, para a que traballamos –dixo- moi duramente”. O alcalde de Baiona, destacou a importancia da Q de Calidade, non só a nivel nacional, senón tamén internacional, e felicitou ao club por conseguila.
 
Na actualidade existen en Galicia un total de 273 establecementos recoñecidos coa Q de Calidade Turística, entre hoteis, axencias de viaxe, apartamentos turísticos, cafeterías, empresas de turismo activo, palacios de congresos, cámpings, restaurantes e outras instalacións relacionadas co turismo.
 
A concesión da Q de Calidade ao Monte Real Club de Yates mellora aínda máis as cifras de Galicia con respecto ao conxunto de España. No que respecta ás instalacións náutico-deportivas, de cada 10 Qs de Calidade outorgadas en España, 6 están en Galicia, o que supón un 63,6 por cento do total.
 
Ademais do Monte Real Club de Yates, posúena outros 6 clubs ou portos na provincia de Pontevedra (en San Vicente do Mar, Portonovo, Cangas, Vigo e Sanxenxo), 6 na provincia da Coruña (en Cabo de Cruz, Sada, Ribeira, Ares, A Coruña e Portosín) e 1 en Lugo (en Ribadeo).
 
Xunto á Q de Calidade, o Monte Real tamén obtivo, nos últimos meses, a Bandeira Azul e a certificación ISO 14001 de xestión ambiental, que certifica que o club cumpre coas esixencias ambientais impostas pola administración, en aspectos como a optimización de recursos e residuos e na redución do impacto ambiental derivado da súa actividade.
- Publicidade -spot_img