·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaO PorriñoRutas de Senderismo: Ribeira do Louro – Gándaras de Budiño

Rutas de Senderismo: Ribeira do Louro – Gándaras de Budiño

Unha parte moi importante da riqueza que atesoura Galicia, é o seu patrimonio natural. É por este motivo que a partir deste artigo iniciamos unha “andaina” que nos levará a descubrir algúns espazos da nosa privilexiada xeografía, ata o de agora descoñecidos para nós, e tamén a transitar, unha vez maís por aqueles que xa coñeciamos.

Ribeira do Louro – Gándaras de Budiño

Hoxe comenzamos por recorrer unha das rutas do patrimonio natural do municipio do Porriño: Ribeira do Louro – Gándaras de Budiño

Dentro da Rede Natura 8 km. Dificultade baixa, para realizar a pé ou en bicicleta. Inicio e remate no observatorio ornitolóxico das Gándaras.

O noso percorrido comeza na Lagoa de Budiño, espazo de grande interese ecolóxico no que destaca a presenza das comunidades biolóxicas características, como o ambroíño e a espiga de auga, o bosque caducifolio de ribeira (ameneiro e salgueiro), e o sotobosque. No que respecta á fauna aínda se conservan numerosas especies, moitas delas ameazadas, como a cerceta, a garza pequena, o picapeixe, a contra, o espiñento, os pintafontes, os cabaliños do demo, ou os sapoconchos, que contan nas ribeiras do Louro coa poboación máis importante de Galiza.

A continuación chegamos ás barreiras de Orbenlle, antigas explotacións mineiras de extracción de arxilas e caolíns, que foron colonizadas, sendo un hábitat prioritario para moitas especies (algunhas ameazadas), como a cerceta, o picapeixe e o sapoconcho.

Desde a barreira seguimos ata as turbeiras do Cerquido, que é un ecosistema húmido que preserva rexistros da biodiversidade pasada e dos cambios climáticos. As especies máis representativas da turbeira son os musgos do xénero sphagnum, as especies leñosas como a carroucha das brañas, ou as queirugas e as plantas insectívoras coñecidas como roreras ou dioneas papamoscas. Esta turbeira tamén alberga unha poboación dun pequeno peixe chamado espiñento, e serve de acubillo para outras moitas especies como a ra de San Antón ou os sapoconchos.

Deseguida veremos a turbeira de Albelos, que se caracteriza polo mosaico de hábitats que podemos observar, como ríos e regueiros, bosques de ribeira, turbeiras ou prados húmidos. Nalgunhas zonas asolagadas instálanse comunidades vexetais nas que abunda o ameneiro. Os típicos representantes destes hábitats son o sapo raxado, a píntela, a ra de San Antón ou a salamántiga, a lavandeira real, o tordo charlo, a pica dos prados ou a narcexa.

Na igrexa da Madalena (s. XIX) a ruta coincide co Camiño Portugués a Santiago de Compostela, partindo do cruceiro que se atopa na Ponte das Febres. Polas beiras do Louro atoparemos leiras cultivadas, e camiñando baixo o bosque de ribeira chegaremos ata a Ponte do Baranco, onde poderemos ver as poldras.

Ribeira do Louro – Gándaras de Budiño

A última parte da ruta é a Ponte do Baranco. Nas marxes do río Louro e dos seus regueiros atopamos o bosque de ribeira (ameneiro e salgueiro). Por detrás aséntase pequenas carballeiras acompañadas doutras especies coma o loureiro e o sanguiño. Nesta parte da ruta tamén destacan elementos etnográficos como as pontes, as pontellas e as poldras. Estas últimas son unhas curiosas estruturas de pedra, elevadas, que permiten o paso da xente polo camiño adxacente en caso de inundación. Turismo do Porriño//

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies