Rodrigo Conde, do Club Remo do Miño e Manel Balastegui, do Club Natacio Banyoles, componentes do Dobre Scull que representaba a España neste Mundial, acaban de facer historia ao ser os remeiros españois máis novos en clasificar un bote para as olimpíadas en toda a historia do remo español.
Hoxe era o día sinalado para estes dous novos remeiros que disputaban as semifinais do Campionato do Mundo, e xogábanse o ser ou non ser na máxima categoría.
Xa foron campións do mundo sub-23 o ano pasado remando xuntos, e gañáronse o billete nas probas cos seus compañeiros de selección para ver quen representaba a España na categoría absoluta no mundial de Austria e o poder ter opcións para loitar por unha praza nas próximas olimpíadas. Pois xa o conseguiron. E de que forma tan espectacular. Saíron como o adoitan, ou tentan facer sempre, que é saír na cabeza. Ao pouco tempo lidero a proba a Republica Popular de China, pero, nunha impresionante final de regata, Italia conseguiría a cabeza seguida de España, e finalmente Polonia meteríalle a proa a China deixando a esta fóra da final, pero con opcións de clasificarse para a Olimpíada se na final “ B” conseguen ser os primeiros, xa que neste mundial clasifican sete Dobres Scull lixeiros para Tokio 2020.
Agora, sen presión, pode ocorrer de todo. Xa na final, Manel e Rodrigo, teñen dous mil metros que é a distancia da regata, para gozar e a ver o que se lles ocorre, xa que teñen o obxectivo cumprido e agora podémonos esperar calquera cousa.
Son a tripulación máis nova neste mundial, e teñen aínda moito percorrido por facer, e moitas alegrías que dar a todos os amantes deste deporte. “PARABÉN CAMPIÓNS” tédelo ben merecido.



