spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaRodrigo Buján recolle o "Gómez Alfaro", certame creado por Orpagu para espertar...

Rodrigo Buján recolle o “Gómez Alfaro”, certame creado por Orpagu para espertar a vocación literaria dos máis pequenos

Rodrigo Buján recolle o "Gómez Alfaro", certame creado por Orpagu para espertar a vocación literaria dos máis pequenos
Rodrigo Buján foi o gañador do “Gómez Alfaro”

O xurado do concurso de relatos en galego, organizado polos palangreiros guardeses en colaboración coa Editorial Galaxia, entregou os galardóns da súa cuarta edición.

O certame literario que leva o nome de “un dos mellores  sonetistas galegos dos últimos 50 anos”, en palabras do concelleiro e amigo persoal do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, repartiu esta mañá os premios da súa cuarta edición. “O rescate de Xosé”, un thriller ecolóxico escrito polo neno tudense Rodrigo Buján Fernández, de 11 anos, foi o gañador este ano do concurso de relatos en galego impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses, en colaboración coa Editorial Galaxia.

Os obxectivos do certame -promocionar a literatura galega e o mundo da pesca, e iniciar aos máis pequenos no mundo das letras-, foron destacados pola viúva de Gómez Alfaro, Rosa Berta, que foi a encargada este ano de entregar o premio ao gañador. Nunha emocionante intervención, Rosa Berta lembrou que a literatura sempre foi a paixón do seu marido e que o mar sempre estivo presente na súa obra.

Rodrigo Buján recolle o "Gómez Alfaro", certame creado por Orpagu para espertar a vocación literaria dos máis pequenos
Premiados e xurado

De feito, é o mar, e os seus homes e mulleres, o protagonista do concurso de  Orpagu ao que nesta edición presentáronse un total de 41 relatos, escritos por nenas e nenos de entre 10 e 12 anos da Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia, Tui, Salvaterra e Santiago de Compostela.

Todos eles, en palabras do escritor  Manrique Fernández, membro do xurado, demostraron “unha imaxinación desbordante  e unha riqueza de vocabulario sorprendente”. Neste sentido, Fernández animou  aos estudantes a seguir traballando e felicitou a  Orpagu “porque calquera iniciativa que se faga a favor da literatura galega ten que ser aplaudida por todos”.

A sorpresa nesta ocasión veu da man do fillo de Gómez Alfaro, Daniel, que leu o poema do seu pai “Se me arrancas mañá da Guarda amada”, que foi moi celebrado polos numeroso asistentes ao acto.

Goméz Alfaro, sempre na memoria dos guardeses

Este ano, o certame ampliou o seu nome para incorporar o do poeta e profesor ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, falecido en 2008, que desde 1978 exerceu a súa actividade docente na Guarda, no colexio dos Pais  Somascos. Varias xeracións de guardeses estudaron con Gómez Alfaro e gardan un recordo indeleble dos seus ensinos, o seu amor pola poesía, o seu coñecemento dos autores galegos e a súa devoción pola Guarda, a súa segunda “ matria”, como adoitaba dicir e escribir.

- Publicidade -spot_img