Inicio Pontevedra Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030

Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030

Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030Un curso inicia ao alumnado no uso didáctico de programación e xoguetes interactivos

Achegar o alumnado ao potencial didáctico das novas tecnoloxías, iniciándoos na creación de recursos educativos facendo uso da programación, da robótica e do encerado dixital, é o obxectivo central do curso que nestas semanas leva a 30 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a desenvolver unha serie de proxectos centrados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A contaminación dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a deforestación ou o uso de enerxías renovables constitúen nese senso os eixos temáticos dunha serie de maquetas nas que as e os participantes neste curso integran robots ou xoguetes interactivos.

Inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, Ensinar ciencias con programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao pensamento computacional ten como obxectivo formar ao alumnado sobre “como integrar as TIC nas clases de ciencia de maneira transversal”, como explica María Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a responsable de impartir este taller dirixido polo profesor Uxío Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que tamén pode estalo no ámbito educativo”. Nese senso, o curso busca contribuír “á alfabetización científica” das alumnas e alumnos, á vez que a “promover o pensamento computacional, a ser persoas críticas e responsables ante o uso das novas tecnoloxías”.

Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030

Con ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos formánse en programación, no manexo de diferentes recursos de robótica educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso do software do encerado dixital para o deseño de actividades. “A idea é que vexan as tecnoloxías como un medio, como recursos e ferramentas que podo utilizar para aprender”, salienta Lorenzo, que explica nese senso que o curso busca contribuír a que o estudantado “sexa capaz de producir os seus propios contidos educativos”.

Proxectos ligados ao desenvolvemento sostible

Ao igual que nas últimas edicións deste curso, as e os participantes traballan en grupos na elaboración dunhas maquetas que integren os contidos que foron realizando na aula e que nesta ocasión “teñen como novidade que todas están vinculadas a algúns dos obxectivos da Axenda 2030”, a iniciativa de fomento do desenvolvemento sostible impulsada pola ONU. Así, entre os proxectos nos que traballan figuran maquetas que abordan a contaminación que supón a presenza de plásticos nos océanos ou as contribucións das mulleres á sustentabilidade do mar exemplificadas en mariscadoras e redeiras. Outro dos proxectos, por exemplo, propón “dúas perspectivas dunha cidade”, unha caracterizada pola contaminación e a explotación de recursos e outra caracterizada pola presenza de espazos verdes e o uso de enerxías renovables, mentres que outro dos proxectos presenta un parque infantil “sustentable, feito con materiais reciclados e tendo en conta a súa contorna próxima”, apunta Lorenzo. “Ao final, isto lévalles a investigar sobre algún problema medio ambiental, a súa orixe, causas e consecuencias, para poder logo recrealo na maqueta”, engade. As seis maquetas realizadas polos diferentes grupos, que na última sesión deberán presentar a través dunha animación en vídeo, permanecerán expostas no primeiro andar da facultade ata setembro.

Balance do traballo e posta en valor de científicas e tecnólogas

O curso complétase cun blog no que os diferentes grupos relatan o seu proceso de traballo nas diferentes sesións, ao que poden incorporar os recursos educativos para a súa descarga e no que á súa vez poñen de relevo a traxectoria de diferentes científicas e tecnólogas. “Cada grupo leva o nome dunha muller notable relacionada coa ciencia e a tecnoloxía, da que contan á súa historia ao mesmo tempo que van presentando o que fixeron”, explica Lorenzo dunha proposta que serve tamén para pór en valor as figuras de Ada Lovelace, Hedy Lamarr, Edith Clarke, Ángela Ruiz Robles e Amalie Emmy Noether.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

695FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies