Salceda de Caselas ten a senda perfecta para unha mañá de domingo na que estar en contacto coa natureza sen ter que percorrer grandes traxectos
Falamos da Senda e Parque Etnográfico do Río Landres “Francisco Estévez Martínez”, cuxo itinerario, de menos dun quilómetro, agocha o conxunto etnográfico más completo deste municipio.
Integran o percorrido a poza e ponte do Seixo, construída no ano 1920 para conectar a vila da Esfarrapada coa estación de tren de Caldelas de Miño; o antigo matadoiro municipal, construído no ano 1950 e que deixou de funcionar no 2005; o lavadoiro do Seixo, que data de 1957; e os muíños do Seixo, do Medio, do Ghurito, do Buraco e das Laxes do Torrón. Os cinco son muíños de “herdeiros”, de canle e dunha soa moa e, agás o Muíño do Medio, os outros catro aparecen citados xa no Catastro do Marqués da Ensenada de 1752.
Na actualidade, só o Muíño do Buraco está sen rehabilitar, polo que conserva a súa configuración inicial, que serve de exemplo ilustrativo da situación na que se atopa unha parte moi importante do Patrimonio Material e Histórico de Galicia.
O son do río Landres o seu paso polo sendeiro é o complemento perfecto para desfrutar da paisaxe, composta por unha frondosa vexetación arbórea de carballos, amieiros, freixas, salgueiros, loureiros e robinias. Ademais, vencelladas ó medio acuático medran herbas como ranúnculos, menta, lentella de auga, xuncos e un variado repertorio de fentos ás marxes e ribeiras do regato.
E se hai sorte, poderemos ver un visón americano, un mamífero orixinario de norteamérica que foi criado en catividade pola súa apreciada pel nunha granxa próxima e que, tras fuxir dela, adaptouse a vida en liberdade, expandíndose lentamente por Galicia e chegando a competir con outras especies.
Á marxe deste animal, a senda está ligada a América a través de Francisco Estévez Martínez, a personaxe a cal se lle adica este parque etnográfico. Francisco Estévez representa a todos os salcedenses e galegos que no século pasado emigraron. Pero, Francisco Estévez non é un veciño máis, é o vínculo entre Salceda e Hollywood.
A teoría dos seis graos de separación que une a Salceda con Hollywood
A teoría dos seis graos de separación intenta probar que calquera pode estar conectado a calquera persoa do planeta a través dunha cadea de coñecidos que non ten máis de cinco intermediarios. No caso dos veciños de Salceda de Caselas, esta hipótese relaciónaos facilmente coas estrelas de Hollywood a través de Francisco Estévez Martínez, un parderrubiense que emigrou a Cuba en 1916 para trasladarse posteriormente Estados Unidos, onde casou coa irlandesa Mary Ann Phelan. O matrimonio tivo dez fillos, un deles o coñecido actor Martin Sheen, protagonista da serie de televisión estadounidense “El ala oeste de la Casa Blanca”.
Martin Sheen
Martin Sheen foi o nome artístico que se puxo Ramón Antonio Gerardo Estévez, fillo de Francisco Estévez, cando quixo ser actor. Nunha entrevista recoñeceu que “oficialmente sigo sendo Estévez. Nunca o cambiei oficialmente, e nunca o farei. Aínda aparece no meu permiso de conducir, no meu pasaporte e en todos os documentos. Empecei a empregar Sheen coma proba, e antes de darme conta vin que comezara a gañarme a vida con este nome e xa era demasiado tarde. De feito, un dos meus maiores remordementos é non ter mantido o nome que me puxeron. Sabía que molestaba ó meu pai”.
E é que seu pai, Francisco Estévez Martínez, levou o amor por Salceda ata o outro lado do Atlántico e transmitiullo ós seus fillos. Tamén en Salceda quixeron devolverlle todo ese afecto que levou a América na súa maleta de emigrante. Para iso, o Concello púxolle o seu nome a esta senda que recoñece a figura dun dos millóns de galegos e galegas que deixaron a terra nai na procura dun futuro mellor. A emigración, ademais dos elementos etnográficos que percorren a senda, forman parte do patrimonio salcedense.
REPORTAXE PUBLICADA NO NÚMERO 5 DA NOSA REVISTA COUSAS DE
Por Judit Bernárdez