O Concello de Ribadumia presentou esta mañá o Curso de Monitor de Fútbol Base organizado pola Federación Galega de Fútbol a través da Escola Galega de Adestradores que se impartirá en Ribadumia. Na presentación estiveron presentes a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña; o vicepresidente da Federación Galega de Deportes en Pontevedra, José Manuel Fernández; o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera e o coordinador do curso, Félix Fernández Cal. Ó acto tamén asistiron os presidentes do C.D. Ribadumia e do Umia C.F.
Impartirase en Ribadumia entre as instalacións do Campo de Fútbol de Ribadumia e a Casa da Cultura
Esta é a primeira vez que se realiza un curso deste tipo no municipio, e tendo en conta que a partir da tempada seguinte é o título mínimo esixido para poder adestrar en fútbol base, está xa causar moito interese na zona.
O director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera sinalou que esta “é unha medida que incluso tardaba, xa que no deporte o máis importante e que ás novas xeracións se lle dean educadores que lles formen non só na técnica, senón nos aspectos vitais de solidariedade e comunicación; e neso está orientado o curso. Nos nenos é onde ten que estar a mellor formación”.
O curso comeza a finais deste mes e terá unha duración de catro semanas
O curso comezará a finais de mes e terá unha duración de catro semanas aproximadamente. A inscrición ten un costo de 150 € e os interesados deben ter cumpridos os 16 anos para poder presentarse. A Federación convoca nesta ocasión 35 prazas que serán asignadas por orden de inscrición, pero non terán problema en aceptar máis alumnos de superarse a cifra.
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, agradeceu en nome do Concello “á FGF por darnos a oportunidade de que este curso se celebre aquí tendo en conta a cantidade de nenos que hai no deporte base, e felicitar ó presidente do Umia e do Ribadumia por facer a petición á Federación. Tan pronto solicitáronnos as instalacións dixemos que si, xa que todo o que supoña apoiar ó deporte base queremos estar presentes”.
Entre os dous clubs suman 250 nenos en fútbol base, polo que “esta titulación vai ser moi importante na zona”, apuntou a alcaldesa. Pola súa parte, José Manuel Fernández –vicepresidente da F.G.F. en Pontevedra-, agradeceu ó Concello de Ribadumia “o esforzo extraordinario co deporte e co fútbol en particular. O primordial é educar en técnica e valores ás xeracións xoves”.
O curso proporcionará ós alumnos a formación necesaria para desenvolver o seu traballo e será impartido por profesionais con experiencia no ámbito futbolístico. Ademais, este diploma acredita ós alumnos a adestrar equipos federados ata a categoría cadete (excepto nas ligas de división de honor cadete, a liga galega cadete e a liga galega infantil, nos que será necesario o Nivel 1).
Ademáis do diploma, a formación permite ós alumnos que finalicen o curso a convalidación do Bloque de Prácticas no momento no que lle interese realizar o Curso de Nivel 1 “Federativo” de Instructor de Fútbol Base.
Os interesados deben presentar unha fotocopia do DNI, dous fotografías tamaño carné, a matrícula cuberta –dispoñible na páxina web da federación- e o xustificante de pago en calquera destas tres direccións:
• No seguinte correo: escuellagallega@gmail.com ou cubrindo a inscrición de matrícula e envialo coa documentación solicitada por correo certificado na seguinte dirección:
Escuela Gallega de Entrenadores
Federación Gallega de Fútbol
C/Menéndez Pelayo 18, 2º
15005 A Coruña
• Entregar a documentación no Concello de Ribadumia, onde se facilitará o formulario de inscrición ós interesados.
• Nas oficinas do C.D. Ribadumia
En Galicia xa son ó redor de 1.800 monitores formados, pero espérase que tendo en conta a cantidade de nenos que hai no fútbol base, a cifra chegue ós 3.000 o ano que ven e todo o fútbol de base galego conte cos profesionais necesarios para educar ás novas xeracións.



