spot_img
InicioCondado ParadantaA CañizaReimpulsar Uniminho como organismo de colaboración dos concellos do Val do Miño...

Reimpulsar Uniminho como organismo de colaboración dos concellos do Val do Miño é aposta da Deputación

Reimpulsar-Uniminho-organismo-colaboración-concellos-Val-Miño-aposta-Deputación

O Consello directivo da asociación reuniuse onte para renovar a representación galega no organismo transfronteirizo

A Deputación de Pontevedra pretende reimpulsar a asociación Uniminho – da que forma parte xunto coa Comunidade Intermunicipal Vale do Minho- como organismo de colaboración estable que analice e traballe nas potencialidades socioeconómicas da ribeira do Miño e que sirva como medio para solicitar fondos europeos cos que desenvolver programas de cooperación interrexional.

Onte celebrouse en Valença a reunión do consello directivo deste organismo para renovar a representación da parte galega, que a partir de agora recaerá por defecto na presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, e no deputado Uxío Benítez. Foi necesario nomear a estes novos integrantes logo das eleccións municipais do pasado mes de maio, que supuxeron o cambio no goberno provincial.

O encontro, no que estiveron o presidente da cámara de Melgaço e o de Vila Nova de Cerveira, serviu de primeiro contacto entre os novos membros. Abordouse o futuro da Asociación do Val do Miño Transfronteirizo-Uniminho, así como o estado do proxecto europeo Ecotur de fomento de turismo que se está a desenvolver con fondos europeos

Reimpulsar-Uniminho-organismo-colaboración-concellos-Val-Miño-aposta-Deputación

Segundo explicou Uxío Benítez, presente na sede de Uniminho en Valença, a intención do novo goberno da Deputación “é impulsar Uniminho como organismo de cooperación transfronteiriza entre os concellos da ribeira do Miño para acceder a fondos europeos e como foro de debate, análise e simbiose dos estamentos que conflúen ao redor do Miño”.

Esta aposta xorde despois de que o anterior goberno provincial de Rafael Louzán decidira liquidar a asociación e non prorrogar o convenio de constitución firmado en setembro do 2006: a data de caducidade para Uniminho, pois, sería decembro deste ano. Sen embargo,  a nova Deputación ten vontade de darlle a este organismo a importancia que debe ter “tomando un papel de liderado e de axuda aos concellos da ‘raia’ para coordinarse”, segundo sinalou Benítez. Tamén explicou que é importante que Uniminho teña un carácter estable, xa que ata o de agora houbo moitos programas de cooperación interrexional entre concellos galegos e portugueses que acabaron esmorecendo por falta de implicación.

Nas vindeiras semanas o deputado provincial responsable de cooperación transfronteiriza manterá encontros cos alcaldes dos concellos que forman parte da asemblea de Uniminho (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, A Guarda, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui) co fin de ver os posibles cambios a introducir no organismo interrexional e recoller as achegas municipais.

A Asociación do Val do Miño Transfronteirizo -Uniminho naceu en setembro de 2006 cun convenio entre a Comunidade Intermunicipal Vale do Minho (formada por Mengaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira) e a Deputación de Pontevedra (cos concellos do Baixo Miño-Condado-Paradanta)

Como entidade está facultada para desenvolver actividades de cooperación nos eidos da obra pública e na xestión de equipamentos sociais, e para a presentación de candidaturas a programas ou instrumentos comunitarios. A súa estrutura está formada por unha asemblea xeral -constituída polas entidades territoriais asociadas cunha delegación de 17 membros- e un consello directivo, que é o seu órgano executivo e está composto por presidente (que se nomea de xeito rotatorio), vicepresidente e dous vogais.

Ecotur-Uniminho

Na actualidade dende Uniminho estase a traballar na execución do proxecto Ecotur, que ten nos seus obxectivos a conservación e valorización do patrimonio Rede Natura 2000 da rexión e a promoción dunha oferta estruturada e organizada do territorio do Val do Miño como un destino transfronteirizo ecoturístico de excelencia. O seu custe aprobado é de 133.500 euros e o prazo de execución estenderase ata o 31 de decembro deste ano. Estase estudando a posibilidade da presentación da candidatura Ecotur 2.0, cuxo prazo se abre o 30 de setembro.

Uniminho pretende manter os traballos realizados durante o transcurso do proxecto CoopMinho asegurando o funcionamento do centro de información transfronteirizo, concretando dous proxectos piloto de transporte público e garantindo a eficiencia e calidade na prestación de coidados de saúde nas zonas fronteirizas

Por outra banda quérense determinar as prioridades de cooperación no Alto Miño elaborando un estudo estratéxico e un plan global de acción para o período que vai ata o 2020, participar no proxecto Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e desenvolver outras accións puntuais en colaboración con outras entidades.

Próximos pasos

Entre as formulacións que ten a Deputación de Pontevedra para Uniminho está a posibilidade de introducir novos cambios nos estatutos, que deben ser consensuados coas entidades xurídicas que forman a asociación. Está aberta a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación dando entrada a novos concellos e cámaras municipais e incluso mudar a sede ao territorio español (actualmente está en Valença), o que permitiría aplicar a Lei de contratos do sector público e outra normativa española.

- Publicidade -spot_img