spot_img
InicioVal MiñorBaionaRegata de Inverno de Cruceiros - Regresan a Baiona e Vigo os...

Regata de Inverno de Cruceiros – Regresan a Baiona e Vigo os grandes veleiros da man do Trofeo AXA e o MRCYB

regata-de-inverno-de-cruceiros-regresan-a-baiona-e-vigo-os-grandes-veleiros-da-man-do-trofeo-axa-e-o-mrcyb

Os grandes veleiros regresan a Baiona e Vigo este mes de abril da man do Trofeo AXA, organizado polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de AXA Seguros e a colaboración do Real Club Náutico de Vigo e a Federación Galega de Vela.

A competición, que dá inicio á tempada de grandes regatas do club baionés, celebrarase dous sábados consecutivos, os días 9 e 16 de abril. Durante a primeira xornada, os preto de 25 barcos inscritos disputaranse a vitoria nun percorrido costeiro entre Vigo e Baiona. Se todo vai segundo o previsto, o comité de regata dará a saída ás catro da tarde fronte ás instalacións do Real Club Náutico de Vigo. A chegada colocarase a unhas 15 millas de distancia, en augas da baía baionesa.

comillasO Monte Real Club de Yates organiza a súa tradicional regata de inverno de cruceiros os días 9 e 16 de abril na Ría de Vigo e Baía de Baiona

Tras esa primeira etapa, os barcos disputaranse unha segunda xusto unha semana despois, o sábado día 16, a partir das dúas da tarde. Ás tripulacións esixiráselles completar varios percorridos barlovento sotavento no menor tempo posible. Serán probas emocionantes que medirán as capacidades técnicas e tácticas de patróns e regatistas, determinando a vitoria do trofeo.

Unha vez finalizadas todas as regatas, celebrarase, ese mesmo sábado, ao redor das sete e media da tarde, a entrega de premios aos gañadores nas instalacións do Monte Real Club de Yates. Ademais do premio ao vencedor na clasificación xeral, outorgaranse galardóns aos gañadores en cada unha das clases participantes.

comillasNas dúas xornadas de competición uns 25 veleiros disputaranse unha regata de travesía e varias probas con percorridos barlovento sotavento

A competición foi presentada esta mañá no club baionés, nunha rolda de prensa na que participou Mar Romero, Directora da DT Oeste de AXA Seguros Xenerais, quen destacou que en AXA están “moi concienciados co apoio ao deporte e con poder acompañar aos regatistas, aos seus familiares e amigos, e a todos os afeccionados desta disciplina deportiva”. “Ver como viven a experiencia, como se divirten e como celebran cada éxito motívanos a seguir apoiando iniciativas como estas” dixo.

comillasO Trofeo AXA dá inicio á tempada de grandes regatas do club baionés que culminará en setembro co Trofeo Príncipe de Asturias

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, agradeceu o apoio como patrocinador do Grupo AXA, un dos líderes mundiais no sector asegurador, con máis de 100 millóns de clientes en todo o mundo. O alcalde de Baiona, Angel Rodal, asegurou que o Trofeo AXA é unha oportunidade máis para “abrir Baiona ao mar”, un dos obxectivos polos que traballa o concello baionés.

O prazo para anotarse e participar no Trofeo AXA segue aberto, e a inscrición é gratuíta. Ademais, os barcos participantes terán atracada ou fondeo tamén gratuíto nas mariñas do Monte Real Club de Yates e o Real Club Náutico de Vigo, e un 50 por cento de desconto para participar na próxima competición do club baionés.

Na edición anterior do trofeo, celebrada en abril de 2015, resultou gañador o Unus, do Club Náutico Punta Lagoa, patroneado por Luís Manuel García. Na clase dos monotipos J80, a vitoria foi para o Luna Nueva, con grímpola do Monte Real Club de Yates e Juan Luís Tuero á cana.

- Publicidade -spot_img