O Delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, presentou o novo indicador Ardán “Empresa igual en xénero”, na apertura do III Congreso Empresarias de Galicia.
Un estudo realizado pola Zona Franca sobre a igualdade de xénero nas empresas galegas evidencia que en Galicia a presenza de mulleres nos postos de alto nivel nas empresas está moi lonxe dunha proporción equilibrada; que as mulleres son maioría nos contratos temporais contra os de carácter indefinido e que, en tramos salariais, a brecha entre homes e mulleres aumenta considerablemente a medida que se sobe de salario. Este demoledor panorama, baseado nun novo indicador realizado polo servizo de información ARDÁN, é o que hoxe presentou David Regades na apertura do III Congreso Empresarias de Galicia.
Como explicou o Delegado, o facer públicos estes datos, elaborados cun grupo de traballo da Universidade de Vigo, ten dous obxectivos, por unha banda, ofrecer unha instantánea da realidade empresarial e doutra banda facilitar ás empresas un instrumento que lles permita medirse para mellorar. “Soamente coñecendo a situación actual das empresas galegas en canto ao establecemento de igualdade de oportunidades, dereitos e responsabilidades para homes e mulleres no ámbito laboral, poderemos avanzar no camiño da igualdade” dixo Regades quen engadiu que “por iso presento este estudo hoxe aquí, porque este congreso é o foro máis adecuado, porque son datos moi útiles para esa transformación que estades a impulsar vós, as mulleres empresarias”.
Datos reveladores
Como se ve no estudo realizado sobre a enquisa sobre Igualdade de Xénero nas empresas galegas para o “ARDÁN Galicia 2018” existe unha penalización na presenza de mulleres nos postos de alto nivel nas empresas. A porcentaxe de mulleres nos equipos directivos é do 24%, en mandos intermedios do 29% e do 30% no resto do persoal.
ARDÁN tamén revela que o peso do xénero feminino é maior nos tipos de contratos temporais que nos de carácter indefinido. Existe unha brecha de 4 puntos porcentuais.
Quizais, un dos gráficos máis impactantes sexa o que reflicte a distribución por tramos salariais e que presenta unha brecha considerable entre homes e mulleres. Como se ve a continuación, en tramos salariais baixos, a presenza de traballadoras é do 75%. A medida que se incrementan os salarios, esta presenza vai diminuíndo paulatinamente ata apenas representar o 13% de mulleres en soldos superiores a 45.000 euros anuais.
No informe determínase tamén o custo de “non igualdade” para o que se mide a perda ou ganancia salarial das mulleres que traballan nunha empresa. Isto establécese en relación ao salario medio da devandita empresa. Por tanto, neste aspecto, o que se valora é o custo en euros da falta de equilibrio por tramos salariais nun persoal.

Baixo unha óptica provincial, a análise do Índice de igualdade de Xénero revela que as empresas domiciliadas na provincia de Ourense obteñen, máis ou menos, a puntuación máis destacada (494 puntos), seguidas das empresas domiciliadas en Pontevedra (448 puntos), A Coruña (397 puntos) e Lugo (358 puntos). A partir destes datos media desagregados para as catro provincias elaborouse o mapa galego de igualdade de xénero no traballo que se ve a continuación:



