spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela acolle a exposición temporal do ídolo menhir atopado no castro de...

Redondela acolle a exposición temporal do ídolo menhir atopado no castro de Negros

O Multiúsos da Xunqueira acolle a exposición temporal do ídolo menhir atopado no castro de NegrosO Multíusos da Xunqueira acollerá dende este venres 28 de maio, e durante os meses de xuño e xullo, a exposición temporal dun ídolo menhir atopado no castro de Negros, no que supón, segundo os expertos, “un achado único e escaso” que se remonta, posiblemente, aos séculos V ou IV a.C. Da importancia deste descubrimento fala o feito de que será a primeira peza deste tipo coa que conte o Museo de Pontevedra.

O menhir/betilo exposto foi descuberto polo arqueólogo Eduardo Velázquez Turnes no 2020, durante as tarefas de control arqueolóxico realizadas para supervisar os traballos de corta e retirada de madeira que realizaba a Comunidade de Montes de Man Común de San Estevo de Negros.

O achado desta peza conecta, directamente, aos antigos habitantes do castro de Negros coa cultura púnica, dominante no mundo mediterráneo e que tivo presenza no litoral galego, tal e como o demostran os descubrimentos, cada vez máis abundantes, de obxectos procedentes desta cultura.

A peza quedará exposta durante os meses de xuño e xullo para logo quedar depositada, de xeito definitivo, no Museo de Pontevedra

A exposición, coordinada polo arqueólogo Xurxo Constenla Doce, busca que a veciñanza poida coñecer esta peza –que introduce a Redondela na historia de Europa– a e, ao mesmo tempo, poñer en valor o enorme interese arqueolóxico que ten esta área do litoral sur da ría de Vigo.

O feito de atopar este menhir/betilo no castro de Negros demostra, segundo os expertos, a existencia de “firmes relacións comerciais do mundo púnico con Galicia e non meros contactos illados para intercambio”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou o traballo realizado por Eduardo Velázquez Turnes e Xurxo Constela Doce, de Citania, Xestión do Patrimonio Cultural “que permite poñer en valor non só este achado, senón tamén a importancia do municipio no contexto histórico e patrimonial”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa quixo agradecer ao Museo de Pontevedra, onde está depositada a peza, “as facilidades ofrecidas e a sensibilidade amosada á hora de permitir que este achado puidera ser exposto en Redondela, municipio no que foi atopada, antes do seu traslado definitivo á institución museística provincial ”.

Os betilos

Son obxectos asociados a contextos culturais e relixiosos. Cabe supoñer que os navegantes púnicos, que chegaban a estas costas en busca de metais para fundición (especialmente estaño), erixirían estes menhires como ofrendas aos deuses na procura de seguridade e protección nun lugar afastado e descoñecido.

 

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.