spot_img
InicioO MorrazoMoañaPrimeira edición do coworking do Morrazo con 16 proxectos empresariais

Primeira edición do coworking do Morrazo con 16 proxectos empresariais

Primeira edición do coworking do Morrazo con 16 proxectos empresariaisEsta semana deu comezo a primeira edición do coworking do Morrazo con 16 proxectos empresariais centrados nas TIC, a moda e a consultoría

O director do Igape, Juan Cividanes, participou na presentación da primeira edición do coworking do Morrazo, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe en Moaña e no que participarán os promotores de 16 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.

O director do Igape animou aos participantes desta primeira convocatoria a seguir impulsando o ecosistema emprendedor da comarca do Morrazo, mellorando a súa competitividade, e destacou a vocación e o dinamismo empresarial que demostran coa posta en marcha de iniciativas centradas en sectores como as TIC, a moda e os servizos de consultoría a pemes.

Así, as actividades dos 16 emprendedores -10 mulleres e 6 homes- que participan nesta aceleradora desenvolverán, entre outros, proxectos que ofertan servizos de asesoramento a profesionais e pequenas empresas en ámbitos diversos, novas tecnoloxías e contidos web, un gabinete de mediación para evitar solucións contenciosas e a creación de talleres téxtiles e a habilitación de espazos compartidos de produción neste eido. Xunto con isto, outras das temáticas serán a economía circular, o turismo e os servizos relacionados coa saúde e a atención a persoas maiores.

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta que, ademais da do Morrazo, nesta edición contará con outras dúas novas aceleradoras. Así, a do Ribeiro, situada no municipio ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular. O novo espazo que se abre en Palas de Rei centrarase fundamentalmente no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol); O Salnés (Vilanova de Arousa) e a da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

- Publicidade -spot_img