O pasado sábado celebrouse a Gala do Surfing Gallego organizada pola Federación Galega de Surf na que se fixo entrega dos premios aos mellores surfeiros e clubs. Prado Surf Escola volveu gañar o Premio ao Mellor Club Gallego e con esta xa van 13 veces. Ademais 4 integrantes do club proclamáronse campións nas diferentes categorías
Cada ano a Federación Galega de Surf celebra unha gala para recoñecer aos mellores surfeiros das diferentes ligas do 2022 e tamén aos mellores clubs. E unha vez máis, Prado Surf Escola fíxose co premio ao Mellor Club Gallego e con esta xa son 13 veces as que o club consegue este recoñecemento. Recolleron o premio Derick Rey Stahl e Pedro Acebal ante a mirada de varios integrantes do equipo:
“Este ano traballamos duro e preparámonos forte, este premio é un recoñecemento a todo ese traballo, pero, sobre todo, este premio é por e para os rapaces, que sen eles isto non sería posible”, sinalou Derick Rey Stahl, adestrador de Prado Surf Club. Pola súa banda, o adestrador Pedro Acebal indicou que, “quero agradecer aos rapaces por dalo todo e traballar tan duro, agora só queda seguir traballando igual para conseguir bos resultados este ano”.
Ademais, varios integrantes do Prado Surf Club proclamáronse campións nas súas diferentes categorías:
Teo García Cajide “Campión Gallego Sub 12”. Daniela Alonso “Campioa Galega Sub 14”. Mara San Marco “Subcampioa Galega Sub 16 e Sub 21”.
Derick Rey Stahl, adestrador do club, “Campión Galego Máster”.
Prado Surf Escola leva máis de 20 anos ensinando surf a varias xeracións de surfeiras e aposta polo Club para crear unha canteira de mozos e mozas que poidan demostrar a nivel rexional e nacional o potencial dos surfeiros galegos.
Á fronte do Prado Surf Club atópase un equipo técnico formado por 4 adestradores que adestran semanalmente a 24 rapaces, o máis pequeno acaba de cumprir 10 anos. Desde o Club esperan seguir recollendo éxitos este 2023 e seguir formando canteira.




