Inicio O Condado Ponteareas prepárase para vivir o Festival Groba

Ponteareas prepárase para vivir o Festival Groba

Ponteareas prepárase para vivir o Festival GrobaO público deberá reservar butaca con antelación para escoitar os mellores músicos de fóra e de dentro das nosas fronteiras

 O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado da deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, do concelleiro de Cultura Fernando Groba e do director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello o cartel do VIII Festival Groba.

Do 15 ao 21 de agosto Ponteareas acollerá, por oitavo ano consecutivo, estreas absolutas do prolífico Mestre Rogelio Groba e será o escenario dos mellores músicos do mundo.

Organizado co apoio da Fundación Groba, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, o Festival Groba ten como obxectivo divulgar a música clásica e facela chegar a cada recuncho e persoa que neses días visite Ponteareas.

Baixo as estrictas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social este ano o Festival Groba presenta a novidade de ter como convidado especial encargado do concerto final ao trompetista Esteban Batallán solista da Sinfónica de Chicago que ofrecerá a estrea absoluta do concerto para trompeta e orquestra Concertino Rococó do Mestre Groba.

“É unha fortuna poder ofrecer un ano máis o Festival Groba. Este ano máis ca nunca fixemos un esforzo especial para poder garantír a seguridade e non privar así ao público desta ocasión única no ano”, explica o Alcalde Xosé Represas.

Pola súa banda a deputada provincial Victoria Alonso deu os parabéns ao Festival por cumprir un ano máis sendo unha cita obrigada no calendario cultural e salientou o necesario que é a oferta cultural para a cidadanía, sendo unha boa compañeira de vida, tal e como quedou demostrado nos tempos de corentena.

Totalmente de  balde volveremos gozar das grandes figuras da música clásica como a viola coreana Kyoungmin Park, o pianista Federico Colli, o violín de Josef Spacek e Damián Hernández, pianista. Tamén volveremos gozar da voz e da arte da soprano Laura del Rio que estreará dúas obras do mestre Groba e do piano de Elisa D´Auria  así como do violinista Pablo Vidal ou do clarinete de Spyros Fakiolas, así o relatou na súa intervención o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba; e Alba Reirís, a cellista ponteareá recuperará os microconcertos do mestre Groba.

A chelista  Anastasia Kobekino ofrecerá outra das novidades tocando no convento de Canedo as seis suites de Bach o domingo 18.

A Orquestra de Cámara Galega actuará o sábado na sesión de apertura, o xoves e os concertos de cámara dos solitas serán o luns, o martes e o mércores.

Todo no auditorio municipal e previa reserva no número de teléfono 618 705 639  ou no enderezo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal, así o salientou o concelleiro de Cultura Fernando Groba quen tamén pide a colaboración da cidadanía no cumprimento estricto das normas especialmente nas entradas e saídas do auditorio.

“Seguimos centrados en ter unha programación que permita gozar das e dos mellores músicos  para dar visibilidade e respaldo ás e aos nosos músicos, porque en Galicia temos grandes profesionais e moito talento”, engadíu Rogelio Groba.

O Festival Groba adapta, así, a súa programación para que se garantan todas as normas sanitarias sen renunciar ao pracer único de desfrutar da mellor música clásica de balde e sen saír de Ponteareas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies