spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán presenta coa súa programación cultural de agosto a cervexa promocional "Nigrán,...

Nigrán presenta coa súa programación cultural de agosto a cervexa promocional “Nigrán, equilibrio natural”

Nigrán presenta coa súa programación cultural de agosto a cervexa promocional Nigrán, equilibrio naturalO Concello de Nigrán presentou este xoves a súa oferta cultural de agosto dando continuidade á de xullo ao manter a aposta polos festivais ao aire libre de aforo reducido debido as circunstancias sanitarias (Chandefolk, Solpor, Sonagaifar ou o novo Parrulas Fest na Foz) e seguir cos roteiros guiados pola rede de sendeiros municipais.

 

A gran novidade deste mes ven da man de cervexas ‘Trisk-ale’, firma miñorana fundada polos nigraneses Andrés e Roberto Toledano, responsables de elaborar e sacar ao mercado a cervexa promocional ‘Nigrán, equilibrio natural’, presentada hoxe no bar Praia D’Abra (rúa Cansadoura) e á venda xa en diferentes locais hostaleiros do municipio e tendas (ademais estará presente nos diferentes eventos organizados desde o Concello).

 

“Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán”.

 

Así reza nun pequeno texto a propia etiqueta deseñada por Olalla Fernández, adoitando a botella o nome de ‘Nigrán, equilibrio natural’, lema do Concello de Nigrán neste verán. Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

 

“Queremos promover Nigrán como o que é, un lugar onde podemos presumir de equilibrio natural, e consideramos que un dos xeitos de facelo é a través precisamente da cervexa elaborada polos irmás Toledano, veciños de Patos. Agora Nigrán tamén ten o seu propio sabor”, resume o alcalde, Juan González, quen destaca que esta cervexa terá un protagonismo destacado no ‘Val Miñor Fest’, festival da cervexa artesán que este ano terá lugar do 20 ao 23 de agosto na Alameda de A Ramallosa.

“Estamos moi satisfeitos co resultado final porque consideramos que a elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído”, inciden Andrés e Roberto Toledano, que teñen en stock 1.500 botellas mentres elaboran outra remesa.

Nigrán presenta coa súa programación cultural de agosto a cervexa promocional Nigrán, equilibrio natural

 

Cervexas TRISK-ALE, naceu hai 8 anos en Nigrán e, aínda que por necesidades de produción actualmente elaboran en toda Galicia, a base de operacións mantense na localidade, concentrando na comarca o seu maior esforzo ao querer seguir mantendo o concepto de produto de cercanía. Contan con 6 referencias no mercado e dispoñen dun local especializado en Baiona (La Micro), onde serven as súas cervexas directamente aos clientes.

 

PROGRAMACIÓN

O Concello presentou coa cervexa ‘Nigrán, equilibrio natural’ a súa programación de agosto. A música tradicional terá unha presencia destacada ao contar coa actuación do gaiteiro Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro, quen esgotou en tempo record a venda de entradas para o solpor do sábado. A maiores, Milladoiro será o protagonista en Chandebrito do festival Chandefolk organizado desde o Concello para o 22 de agosto, neste caso con entrada libre (limitada por aforo). Ademais, a agrupación feminina ‘A Banda da Loba’, comprometida coa música en galego, será a encargada de abrir o mes este sábado ás 22:00 no torreiro de O Ceán.

 

O exitoso festival Solpor Monteferro terá lugar este ano os días 7 e 8 pero no espazo público Dunas de Gaifar para facilitar o control de aforo, xa que nas tres pasadas edicións no miradoiro o público creceu exponenciamente. “Agardamos volver o ano próximo ao lugar orixinal, pero nestes intres é máis convinte realizalo neste recinto para controlar o aforo mantendo ao mesmo tempo a gratuidade e poder facelo en cadeiras”, sinala o alcalde, Juan González.

 

Como novidade, neste ano incorpórase con vocación de continuidade o ‘Parrulas Fest’, festival para miúdos que terá lugar do mércores 12 ao sábado 15 no escenario ao aire libre da Foz do Miñor (onda o Nigranjazz). O clown nigranés ‘Peter Punk’ dirixe este evento que comezará cada día ás 20:00 horas con dúas actuacións diferentes entre as que estará Brais das Hortas, o Mago Pau Segalés, Cirkompacto, Pajarito… Os nenos serán grandes protagonistas na oferta cultural de agosto ao programarse seis contacontos pola igualdade en diferentes escenarios ou tres actuacións do Rey Midas.

 

Igualmente, o Concello continúa co seu programa ‘Música nas parroquias’ ofrecendo a actuación dunha banda de música en sesión vermú en cada festa parroquial, xa que non haberá verbenas e porá fin ao ciclo do cine de verán este luns con ‘La Playa de los ahogados’.

 

Ao igual que en xullo, mantéñense as actividades de praia e deportivas engadindo o torneo internacional de futevolei o 29 e 30 en Panxón e os beachmarkets dos domingos en Gaifar ou os de artesanía o sábado en Panxón, sumados á tradicional feira ‘Portobello’ o domingo 9 na Alameda de A Ramallosa. O Concello continúa tamén coa realización de roteiros guiados pola rede de sendeiros municipal, cun mínimo de dous semanais (é preciso facer inscrición previa no mail turismo@nigran.org).

Finalmente, o Concello colabora en diferentes eventos organizados polas entidades veciñais, como a baixada de carros de bolas a tarde do sábado 15 en Camos.

 

“En definitiva, un ano máis ofrecemos actividades culturais para todos os gustos e para todo tipo de públicos, este ano condicionados polo Covid-19 tendo en conta o cumprimento de todas as garantías sanitarias”, resume González.

- Publicidade -spot_img