Representantes dos Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia participaron esta semana en cambados, nunha sesión de traballo conxunta
Na xornada presentáronse proxectos de éxito que servirán de inspiración para desenvolver iniciativas innovadoras arredor do denominado crecemento azul. O obxectivo desta sesión é conseguir tantos fondos como sexa posible na última convocatoria de axudas europeas deste período, que remata en marzo de 2021.
Consciente da gran oportunidade que ofrece a última convocatoria de axudas deste período -aberta ata marzo-, o GALP Ría de Arousa celebrou en Cambados unha sesión de traballo que tiña como obxectivo inspirar proxectos innovadores, que mostren o gran talento da Arousa, e consigan atraer fondos europeos ao territorio. O protocolo sanitario imposto pola COVID obrigou a limitar o aforo a 60 persoas, polo que o GALP habilitou un streaming para facilitar o seguimento da xornada vía online en directo a través das canles de Facebook e YouTube da entidade.
Na apertura da sesión participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; a alcadesa de Cambados, Fátima Abal; e a presidenta do GALP Ría de Arousa, María José Vales, que asegurou que o sector está vivindo “momentos de incerteza que nos esixen solucións creativas que mostren o gran talento desta terra” e confiou no “gran potencial material e humano da Arousa para desenvolver proxectos que logren diversificar o sector do mar e facer do noso territorio un referente no ámbito do crecemento azul”.
A xerente da entidade, Rosa Carballo, foi a encargada de moderar as tres mesas nas que se presentaron proxectos desenvolvidos con éxito noutros territorios da costa galega, e nos que se valorou a posibilidade de seren replicados ou adaptados ás necesidades do territorio da Arousa.
Na mesa de VALOR ENGADIDO, o GALP 7 Ría de Vigo- A Guarda presentou o proxecto Polbo das Illas, promovido pola empresa de Cangas, Susións e Hijos,S.L., que acondicionou unha nave para a transformación de produtos pesqueiros da flota artesanal (maioritariamente polbo), co obxectivo de comercializalos para a hostalaría, a distribución a establecementos comerciais e a venda a consumidor final. Tamén ofrecen un servizo de conxelación para terceiros.
Na mesa de DIVERSIFICACIÓN, COLABORACIÓN E GOBERNANZA, o GALP 6 Ría de Pontevedra presentou nesta mesma mesa Mar das Illas, outro proxecto de colaboración no que participan os GALPs Ría de Pontevedra, Ría de Arousa Ría de Vigo-A Guarda, e que busca promover a actividade do turismo mariñeiro entre o colectivo mariñeiro e as súas familias nas Rías Baixas de Galicia, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a través da formación, información e asistencia para o desenvolvemento de novas iniciativas xeradoras de emprego que contribúan a diversificar a actividade pesqueira.
Despois das presentacións de cada mesa, abríronse espazos de debate e intercambio, nos que as persoas asistentes tiveron a posibilidade de facer consultas directas para traballar en posibles ideas e iniciativas inspiradas nos proxectos presentados; ou mesmo axendar encontros de traballo coas persoas promotoras.
O crecemento sostible foi o común denominador de todas as experiencias presentadas durante a xornada, un factor que destacou a xerente da entidade, Rosa Carballo, quen animou ás persoas participantes a crear alternativas innovadoras e sostibles dentro do territorio, e ofreceu para elo toda a axuda e apoio do GALP Ría de Arousa.