spot_img
InicioO SalnésOs concellos adheridos ó CAAN aforran máis dun 64 % no servizo...

Os concellos adheridos ó CAAN aforran máis dun 64 % no servizo de recollida de animais abandonados

concellos-adheridos-CAAN-aforran-64 %-servizo-recollida-animais-abandonados-Deputación-Pontevedra-MeisO presidente da Deputación de Pontevedra visitou esta mañá o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) despois das obras de mellora realizadas nas instalacións da Armenteira, no concello de Meis.

Desde a posta en marcha do Centro de Acollida da Armenteira, en Meis, en abril de 2013, o CAAN promoveu máis de 700 adopcións e 4.500 intervencións

Rafael Louzán loou o traballo que realizan os sete profesionais da empresa pública Tragsatec que atenden o centro “polo cariño e o trato exquisito que teñen cos animais, que permitiu consolidar o servizo que o CAAN presta hoxe a 50 municipios da provincia”.

A prestación deste servizo de maneira conxunta permitiulles a estes municipios un importante aforro. Así, o Concello da Guarda pasou de pagar 12.000 euros a só 4.000, e o de Tomiño, que antes pagaba 15.000 euros, agora paga 5.500, unha diminución que representa un aforro do 64 % na prestación deste servizo ou un 56 % no caso de Sanxenxo, que antes pagaba 16.000 euros e agora 7.000. Tamén o concello de Mos reduciu o custo case á metade, ó pasar de 12.500 a 6.000 euros.

O custo do servizo é de 366.000 euros anuais, dos cales os concellos achegan 150.000 euros (0,40 céntimos de euro por habitante) e a Deputación de Pontevedra 216.000 euros.

Servizo gratuíto desde a recollida ata a adopción

Na actualidade máis de 500 cans están ó coidado do Centro de Acollida da Armenteira, no que se presta un servizo completamente gratuíto, desde a recollida do animal, o seu coidado, a atención veterinaria, ata a súa adopción con microchip xa incorporado, “un labor que a sociedade debe coñecer e que eloxian tanto o Colexio de Veterinarios de Pontevedra coma as protectoras de animais e outras asociacións que defenden os dereitos dos animais”.

Desde a súa posta en marcha, en abril de 2013, o CAAN realizou máis de 4.500 intervencións e promoveu máis de 700 adopcións.

Os cans recollidos polos propietarios antes de ser trasladados ó Centro da Armenteira, previo aviso do servizo de lacería, foron 307; os cans recollidos no CAAN polos seus propietarios foron 336 ó non poder contactar cos propietarios no momento da recollida do can polos laceiros.

Por concellos, no de Meis fixéronse 285 intervencións, seguido de Vilanova de Arousa con 262, A Estrada con 231, Redondela con 229 e Gondomar con 225.

Por comarcas, é a do Salnés, con 1.120 intervencións, a que encabeza a lista, seguida da de Vigo, con 980, e en terceiro lugar a de Deza, onde estas intervencións superan as 500.

O responsable do servizo veterinario das instalacións, Xosé Luis Pedreira García, destacou que “non nos circunscribimos só á provincia de Pontevedra. Nos últimos días producíronse varias adopcións desde Cantabria, Valencia e Portugal”. O CAAN dispón dunha páxina web con toda a información relativa ós animais que están nas instalacións e ó procedemento que se debe seguir para adoptar. O responsable do servizo de veterinaria do CAAN destacou, ademais, que todos os animais que saen deste centro levan o microchip incorporado, sen ningún tipo de custo para a familia que o acolle.

“E ti, de quen vés sendo?”

Sen problemas de capacidade no recinto, Pedreira salientou que no último ano se detectou un descenso do 20 % no número de cans que chegaron ó centro, pero fixo un chamamento ós propietarios “a que os identifiquen, porque só un 25 % destes animais teñen microchip, o que dificulta a súa localización”.

Nese eido a Deputación de Pontevedra está a traballar na concienciación da protección dos animais a través de distintas campañas; agora está en marcha a segunda campaña contra o seu abandono.

E ti, de quen vés sendo?” é unha iniciativa coa que se quere dar a coñecer a obriga de identificar os cans, así como resolver as dúbidas máis frecuentes sobre o microchip (as vantaxes que ofrece, como se implanta…).

- Publicidade -spot_img