Os premios suman 550 euros en material audiovisual que se repartirán entre as tres categorías dos distintos niveis formativos
Ata o 31 de maio permanece aberto o prazo para presentar obras á Sección Escolas Galegas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro. As bases, dispoñibles na web do certame, establecen tres categorías: unha para traballos realizados en centros de formación profesional e facultades, outra para institutos e unha terceira para educación especial, infantil e primaria. A primeira está dotada con 250 euros en material audiovisual, mentres que en cada unha das outras dúas o premio está valorado en 150 euros.
Promover os novos valores do audiovisual galego é o obxectivo deste apartado do FICBUEU. Deste xeito, as obras finalistas proxectaranse na Gala Escolas Galegas, que se celebrará o 14 de setembro dentro da duodécima edición do certame e que incluirá a entrega de premios aos centros educativos. A participación activa do alumnado en todas as fases de creación, o emprego dos distintos elementos da linguaxe audiovisual, as cualidades técnicas da obra acordes á idade do equipo e mais a orixinalidade e a creatividade das propostas presentadas serán as principais cuestións a ter en conta polo xurado, integrado por tres profesionais do eido cinematográfico e do ensino.
A temática das obras é libre e a duración máxima está fixada en dez minutos para as categorías de educación infantil, especial, primaria e secundaria, mentres que será de quince minutos para as da universidade e escolas de audiovisual. Os traballos deberán estar realizados nos cursos 2017/2018 ou 2018/2019 e poderanse inscribir desde o mércores 1 de maio ata as 14 horas do venres día 31 no formulario pendurado na web do FICBUEU. Toda a actualidade do festival pódese seguir na páxina www.ficbueu.com e nas redes sociais.



