spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaORPAGU comercializará as primeiras hamburguesas de peixe espada de España

ORPAGU comercializará as primeiras hamburguesas de peixe espada de España

ORPAGU comercializará as primeiras hamburguesas de peixe espada de EspañaA Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU),  comercializará as primeiras hamburguesas de peixe espada de España
A hamburguesa xa non é un produto asociado necesariamente á comida rápida. Hoxe en día, proliferan os locais que ofrecen este alimento en versión deluxe, e mesmo nos lineais dos supermercados atópanse hamburguesas de calidade, cun prezo máis próximo aos produtos de luxo que aos de consumo habitual.
 
Orpagu, dentro das iniciativas que leva a cabo para dar valor ás capturas da súa frota, decidiu engadir aos produtos en conserva que xa comercializa, e aos precociñados que seguen en estudo, unha gama de conxelado que inaugura coa Hamburguesa de Peixe Espada, a primeira de España.
 
A preparación para atopar a textura e sabor óptimos foi un traballo de meses por parte dos armadores en colaboración co restaurador local Manuel Alonso Leo, que fixo diversas probas para achar o produto máis atractivo e o compactado perfecto, que foi o máis difícil de atopar.
 
A hamburguesa de peixe espada de Orpagu Gourmet será elaborada na súa totalidade con carne desta especie pesqueira, sen aditivos, presentarase conxelada e haberá dous formatos diferentes: en envases de 24 unidades para a canle Horeca (Hostalería, Restauración e Cátering) e en bandexas de dúas ou catro para os lineais dos supermercados.
 
O seu sabor delicado, a ausencia de espiñas e as súas propiedades saudables convértena no alimento ideal para toda a familia, xa que a súa preparación é similar á da hamburguesa de vacún ou porco.
 
No acto celebrado na caseta de Galicia en Conxemar, os asistentes puideron degustar por vez primeira estas hamburguesas, en maridaxe con outros produtos galegos, a través dunha presentación culinaria que correu a cargo do cociñeiro José Manuel Mallón.
 
Entre os invitados á posta de longo do primeiro produto conxelado de Orpagu atopábanse representantes da canle de restauración, comercializadores e algúns dos armadores involucrados no proxecto.
 
Do pescador ao consumidor
 
A Organización de Palangreiros Guardeses decidiu hai varios anos incorporarse ao mundo da comercialización para darlle valor maior engadido aos seus produtos pesqueiros e, por outra banda, para tomar as rendas da súa actividade, xestionando os seus produtos desde a cámara do barco ata a chegada aos consumidores. Coa súa liña Orpagu Gourmet, á venda en tendas delicatessen e online na propia páxina da organización, os armadores do palangre da Guarda conseguiron avanzar cara ao control total da súa propia actividade pesqueira.
- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.