Inicio Baixo Miño A Guarda Universitarios de Coimbra, Vigo e Santiago comezaron esta semana coma voluntarios do...

Universitarios de Coimbra, Vigo e Santiago comezaron esta semana coma voluntarios do proxecto «A Guarda, Mar de Sal»

Universitarios de Coimbra, Vigo e Santiago comezaron esta semana coma voluntarios do proxecto «A Guarda, Mar de Sal»Despois do inicio das escavacións o pasado 24 de setembro, esta semana 8 alumnos das Universidades de Coimbra, Vigo e Santiago incorporáronse aos traballos de escavación arqueolóxica das Salinas do Seixal e de Camposancos, enmarcado no Proxecto «A Guarda, Mar de Sal».

Mar Cortegoso,  directora das escavacións, manifestou a súa ledicia porque xente nova e formada teña esta oportunidade única de traballar nestas escavacións, recalcando que para moitos deles esta é a primeira vez que realizan un traballo de campo nunha intervención deste tipo. Segundo explicou, os alumnos están a traballar como persoal en formación atendendo ás explicacións e aprendendo día a día as tarefas de escavación e rexistro, propias dunha escavación arqueolóxica. Esta semana comezaron tamén as labores de debuxo de parte da zona escavada, actuación enmarcada no proxecto que servirá para documentar a morfoloxía da salina.

A escavación, dirixida por Mar Cortegoso e levada a cabo pola empresa P&A Arqueólogos, conta para a súa execución con persoal contratado, conforme ao convenio que regula a actividade arqueolóxica en Galicia. A participación de alumnado en prácticas é unha actividade que permite complementar a formación especializada co respecto á profesionalización da arqueoloxía.

O avance das escavacións é extraordinario e, pouco a pouco, van saíndo á luz moitas partes deste complexo salineiro do Seixal, coma as estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal e os pavimentos. Debido ao éxito acadado na zona escavada, os responsables dos traballos barallan ampliar a zona de estudo coa realización de sondaxes na contorna.

O vindeiro sábado día 13 de outubro realizarase a primeira visita guiada a estas escavacións, que correrá a cargo de Agustín Ferreira. As persoas interesadas en asistir poden realizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico anabam.anabam@gmail.com ou no teléfono 616 180 557.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

O proxecto contempla a escavación arqueolóxica, traballos de topografía e prospección, documentación fotogramétrica, rutas guiadas, restauración e consolidación, instalación de paneis informativos, análise edafolóxica, datación por OSL, un proxecto de ciencia cidadá que botará a andar o próximo ano, deseño dunha páxina web, e a edición dunha guía arqueolóxica cos resultados dos traballos.

Coa presente actuación A Guarda recuperará os traballos arqueolóxicos na zona do Seixal, buscando tanto ampliar a zona escavada no ano 2015, como manter visible unha superficie ampla dos restos de salinas que existen nesta zona, aproveitando ademais a existencia da senda litoral, para darlle un maior protagonismo e visibilidade ao xacemento, cunha interesante revalorización cultural e turística deste entorno.

As salinas da Guarda, segundo as escavacións realizadas no ano 2015 no Seixal, poden formar parte dun complexo salineiro de cronoloxía romana de maiores dimensións. A datación destas estruturas inda non está definida. O proxecto arqueolóxico permitirá descubrir a súa verdadeira extensión e coñecer con precisión a súa cronoloxía.

O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

693FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies