spot_img
InicioPontevedra e ÁreaOpromar reivindica o papel da muller na pesca co documental 'Bravas do...

Opromar reivindica o papel da muller na pesca co documental ‘Bravas do mar’

Opromar reivindica o papel da muller na pesca co documental 'Bravas do mar'A Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar) levará o testemuño das mulleres protagonistas a centros de Primaria de Galicia para contribuír a cambiar a percepción que se ten do papel da muller no sector.

Non se trata tanto de feminizar a pesca, que tamén, senón de cambiar a imaxe que desta actividade “masculina” tense. Non é cuestión de favorecer ás profesionais deste mundo, que se defenden perfectamente, senón de velas e admiralas. Non é a razón cambiar a linguaxe, senón que este reflicta a realidade. E, sobre todo, non é a motivación contemplar o pasado ou o presente, senón potenciar o futuro. Un futuro no que as palabras pescadora, armadora, patroa ou investigadora sexan de uso común. A pesca sempre foi tamén feminina. É hora de que os nenos e nenas sáibano, mellórennos e convertan a verdade privada en verdade pública. E por iso nace, da man de Opromar, “Bravas do Mar”.

En 2018, esta mesma organización celebrou en Marín “Faenando cara á igualdade”, unha xornada dedicada a poñer en valor o papel da muller no sector pesqueiro, que incluíu a presentación dun informe da Universidade de Vigo sobre a realidade das profesionais cunhas conclusións negativas en canto a aspectos como visibilización, equiparación salarial ou igualdade de oportunidades. Xa nese momento, os dirixentes da institución marinense anunciaron que este labor tería continuidade.

Dous anos despois, a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín presenta “Bravas do Mar”, un documental e un libro que recollen os testemuños de dez mulleres do Rosal, Viveiro, Ribeira, Ourense, Bueu e Pontevedra que achegan a súa experiencia nun mundo considerado erroneamente de homes pero no que a muller sempre tivo un papel fundamental. Patroas de pesca, xestoras de empresas, investigadoras, armadoras, rederas e encargadas de lonxa ofrecen o seu punto de vista sobre o sector e relatan en primeira persoa a súa traxectoria nunha actividade na que o home sempre gozou dun recoñecemento que á muller negóuselle.

Opromar reivindica o papel da muller na pesca co documental 'Bravas do mar'

Ao papel cada vez máis visible das traballadoras no sector pesqueiro contraponse unha realidade: a falta de estatísticas europeas en materia de emprego feminino no sector para poder identificar mellor o lugar que ocupan. A non existencia dese mapa xeral non debe paralizar necesidades obvias, como quedou de relevo no traballo “Faenando cara á igualdade”: promover o emprendemento feminino para potenciar a creación de novos empregos no sector pesqueiro e acuícola; mellorar as condicións de traballo e a calidade de vida das profesionais do mar; racionalizar o seu horarios de traballo e a conciliación; e visibilizar o importante papel que veñen desenvolvendo desde sempre no sector. En definitiva, a iniciativa de Opromar pretende fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres “no acceso, permanencia e promoción na pesca e a acuicultura”.

Bravas por mérito propios

O nome de “Bravas” xurdiu polo dobre significado que ten esta palabra: por unha banda, fortaleza e valentía; por outro, excelencia. Para Opromar, as “Bravas do Mar” reúnen todas esas características “e é responsabilidade de todos dalas a coñecer ao público”.

A iniciativa, que dispoñerá dunha páxina web propia, terá o seu culmen este mesmo ano, tras o seu paso polos centros escolares, cunha gala na que estarán presentes todas as protagonistas do documental, así como os alumnos que gozaron da proxección do vídeo, quen poderá coñecer de preto a estas grandes profesionais.

- Publicidade -spot_img