Inicio Vigo e área Vigo A Universidade achega 3800 mascarillas, case 100.000 pares de luvas e 1000...

A Universidade achega 3800 mascarillas, case 100.000 pares de luvas e 1000 batas ao Sergas para a loita contra o COVID-19

A Universidade achega 3800 mascarillas, case 100.000 pares de luvas e 1000 batas ao Sergas para a loita contra o COVID-19O material, entregado este mércores, será distribuído a hospitais e centros de saúde

Tras varios días inventariando e recollendo o material sanitario, este mércores a Universidade de Vigo entregou ao Sergas todos aqueles recursos que poden axudar na loita contra o COVID-19. En total, o persoal investigador reuniu preto de 4000 mascarillas de diferentes tipos, case 100.000 pares de luvas e arredor de 1000 batas desbotables, así como etanol, calzas, gafas e Kits PCR para a diagnose  do coronavirus.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, explica que todos estes recursos foron achegados por diferentes grupos tras o chamamento para contribuír, tanto con material como con coñecemento, a frear a expansión da pandemia. Hoxe mércores, unha furgoneta Axega, Axencia Galega de Emerxencias, recolleu todo este instrumental da man do vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez, e será o Sergas quen se encargue de distribuílo, en función das necesidades, a hospitais e centros de saúde. Neste sentido, a vicerreitora agradece a “resposta inmediata dende o primeiro momento” de todo o persoal de investigación, no relativo tanto á achega de material como á realización das probas de PRC. Non en van, o Goberno solicitou a través da CRUE, a colaboración das universidades para facer unha listaxe dos equipamentos dispoñibles en cada institución para facer a proba da PCR e de persoal con experiencia, disposto a desprazarse dentro e fóra de Galicia no caso que fora preciso. Neste caso, engade Rubio, “a resposta tamén foi moi rápida e moitos deles están dispostos a desprazarse; estamos á espera de que nos dean instrucións ou reclamen a onde deben dirixirse”.

Por todo isto, a vicerreitora recoñece sentirse “moi orgullosa do persoal investigador e técnico da nosa Universidade”, ao que traslada o seu agradecemento e o de todo o equipo de goberno “pola súa boa disposición, colaboración e inmediata resposta”. Rubio pon en valor a implicación amosada polos grupos de Enfermidades Raras, Filoxenómica, Inmunoloxía e Química Coloidal do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio); dos grupos de Xenética de Poboacións e Citoxenética, Ecoloxía Animal, Xenética e Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigacións Mariñas (CIM); dos grupos de Novos Materiais e de Biomarcadores Moleculares; así como ao persoal técnico da Unidade de Xenómica do Centro de Apoio Científico Técnico á Investigación (CACTI). Tamén estende o agradecemento “a todo o persoal sanitario, os verdadeiros protagonistas neste momento, que están loitando moitísimo e con moito esforzo. Verdadeiramente, a axuda que nos podemos prestar é mínima, eles e elas son os auténticos heroes e heroínas desta loita”.

Material por campus

No campus de Vigo xuntáronse 2708 mascarillas de tipo II e IIR, 80 do tipo FPII, 11 gafas de protección, 83800 pares de luvas, 928 batas e pixamas desbotables, 52 monos impermeables, 48 litros de solución hidroalcólica, 500 litros de etanol, 1132 calzas desbotables e 14 litros de desinfectante, entre outros. No campus de Ourense xuntáronse 144 litros de etanol, 14400 pares de luvas, 7 mascarillas FPII e outras 20 caixas de 50 unidades doutro tipo. Finalmente, no campus de Pontevedra, o volume de material era pequeno e non pagaba a pena o desprazamento, polo que seguirá dispoñible por se fose necesario.

Tamén se recolleron Kits PCR para a diagnose de COVID-19 e os seus consumibles, como por exemplo 1000 unidades de Taq e dNTPs e kits de extracción de DNA quiagen (dous kits mini de 50 unidades e 2 kits blood de 50 unidades).

Convocatoria de GAIN para proxectos relacionados co brote de COVID-19

Por outra banda, dende GAIN, a Axencia Galega de Innovación, están tamén a solicitar ao persoal investigador das universidades que deseñe propostas innovadoras en ámbitos directamente relacionados co brote de COVID-19, como novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos; detección e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos…. Os proxectos deberán ser enviados antes do 27 deste mes de marzo e GAIN seleccionará aqueles que considere viables para ser financiados.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies