Inicio O Condado Oito países dan os primeiros pasos para crear unha rede de autoridades...

Oito países dan os primeiros pasos para crear unha rede de autoridades locais da lusofonía

Nigrán participa en Santiago de Compostela no Foro da Cooperación Municipalista da LusofoníaA iniciativa botou a andar no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía co fin de contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía deu en Santiago de Compostela os primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e mais São Tomé e Príncipe participaron onte e hoxe no encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de achegarlle a realidade dos países de fala portuguesa aos municipios galegos e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos locais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU.

Máis de 80 persoas asistiron ás xornadas celebradas na Escola Galega de Administración Pública, que arrincaron o día 12 coa inauguración institucional e o discurso de apertura a cargo de María Cupane, voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. A tamén alcaldesa de Boane chamou a “redobrar esforzos para lograr os ODS” e salientou a necesidade de “acadar a igualdade de xénero no liderado político”, unha reivindicación que estivo moi presente nos dous días de debate.

Entidades como as asociacións nacionais de municipios de Mozambique e Cabo Verde, gobernos das rexións de Cacheu (Guinea-Bissau) e Príncipe e ou da Provincia de Benguela (Angola) achegaron ‘Os desafíos que afrontan os municipios na localización dos ODS’ ao longo da primeira mesa redonda, na que a busca de solucións locais a problemas globais foi un denominador común. A xornada pechouse coa presentación de ‘Boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar’ chegadas desde Angola, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, o Concello de San Sadurniño e o Concello de As Pontes.

Grande interese colleitou tamén o debate inicial da mañá, no que entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Centro de Divulgación Ambiental, Xunta de Galicia ou o propio Fondo Galego expuxeron interesantes ‘Experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa’. A derradeira mesa xirou arredor das ‘Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona’, no marco do ODS 17, que chama a unirse para traballar a prol do desenvolvemento sostible. As entidades participantes no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía presentaron diversos proxectos conxuntos, entre elas a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), o Frente Nacional de Perfeitos (Brasil) ou a Rede Intermunicipal de Cooperación ao Desenvolvemento (Portugal). Ademais, os alcaldes de Ames e Tarrafal (Cabo Verde) aproveitaron a ocasión para renovar o convenio do seu programa de cooperación técnica.

Xa pola tarde, déronse os primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS nun coloquio cos oito países presentes. Entre as metas desta rede, estaría fomentar o diálogo e aprendizaxe mutua entre os gobernos municipais, establecer relacións de colaboración para incrementar a eficacia e innovación nos proxectos de cooperación internacional, e posibilitar a posta en marcha de iniciativas comúns en sintonía cos ODS. A partír de aquí, poríanse en marcha as sucesivas fases para constituír formalmente a rede e dotala de contido.

Para rematar, o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, leu a declaración ‘Solidariedade alén da lingua’, que pon en valor o papel chave dos municipios na concecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A alcaldesa de Moraña e integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego, Luisa Piñeiro, foi a encargada de clausurar estes dous días de reflexión para contribuír á erradicación da pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, como propoñen os ODS.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies