O Festival do Rei Sol encherá as parroquias do Concello de teatro, música e outras actividades coa idea de recuperar a memoria oral da zona.
O evento xurdiu por mor da Festa do Rei Sol que se celebrou o ano pasado no castro de Cano dos Mouros, recuperando unha lenda local que conta como cada atardecer o Rei Sol sentaba ao pé deste castro en Viladesuso a contemplar a posta de sol.
Este ano, grazas á achega de fondos do Concello de Oia e da Deputación de Pontevedra (no marco de Ano Castelao), púidose ir un paso máis aló e organizar un auténtico festival de narración oral con actuacións estelares de Xurxo Souto e Cándido Pazó, entre outros.
O programa ao detalle
Este venres 30 arrinca o festival coa actuación de Xurxo Souto, que liderou a banda Os Diplomáticos de Monte Alto e ofrecerá o seu espectáculo “Contos do Mar de Irlanda” que mestura música e unha colección de historias extraordinarias que contan as vivencias de mariñeiros galegos polo mundo. Será ás 22:00 horas no Centro Cultural de Santa María de Oia.
O sábado 1 haberá eventos para todos os gustos e idades. Pola mañá Viravolta Títeres ofrece un obradoiro para nenos no Centro Cultural de Pedornes. Haberá dous pases, ás 10:30 e ás 12:30. Os interesados poden inscribirse en costadoscastros@gmail.com ou chamando ao teléfono 666435832.
O sábado pola tarde o antropólogo Rafa Quintía dará unha charla sobre os mouros na
tradición galega, que se atopan ata no mesmo nome do castro onde se orixina o Festival do Rei Sol: Cano dos Mouros. Coa charla de Quintía esperamos aprender algo máis sobre estes seres mitolóxicos tan ligados aos castros. Será ás 18:00 horas no Centro Cultural de Viladesuso.
O sábado pola noite é o momento de Cándido Pazó e o seu espectáculo “Que comerá ou Rei?”, unha sesión de historias inspiradas nos debuxos e textos de Castelao e tinguidas do humor agudo do actor e dramaturgo. Ás 21:00 horas no Centro Cultural de Mougás.
Un domingo de sol
O domingo 2 de outubro é o día de festexar o propio Rei Sol no castro de Cano dos Mouros, Viladesuso. A celebración estaba programada para a fin de semana pasada, pero tras ser cancelada debido á chuvia, volve ao grande no marco do festival este domingo pola tarde.
A celebración comeza ás 18 horas cunha visita guiada ao castro no que xa se fará mención ao Rei Sol. Ás 19:00 actuarán o grupo de teatro de Mougás e o grupo “O Mellor de Cada Casa” de Viladesuso cun espectáculo baseado nas mitoloxías da Gallaecia antiga recollidas no libro Vento e Chuvia de Manuel Gago.
Co solpor a programación porase en pause para contemplar o maior espectáculo que nos dá a natureza: a propia posta de sol. Ás 21 horas a noite dará paso á actriz Sole Felloza cunha sesión de narración oral acompañada de iluminación de Limiar Teatro.
A tarde estará amenizada coa música de A Fiada de Viladesuso e haberá postos de comida e bebida, incluíndo a cervexa artesá “Rei Sol” de Trisk-Ale.
Toda a programación é de entrada libre e gratuíta. O festival está organizado polo Concello de Oia, a Deputación de Pontevedra e a Asociación Costa dos Castros, no marco da súa estratexia por dinamizar Oia a través da xestión do patrimonio. Conta ademais coa participación da Comunidade de Montes de Viladesuso e a Asociación de Veciños de Viladesuso.
Para máis información poden consultar a páxina web www.costadoscastros.com.




