Durante a III Gala de Calidade Turística celebrada este luns, 13 de marzo, no Balneario Mondariz entregáronse distintivos a 29 das 50 empresas con certificado SICTED
O xeodestino Condado Paradanta xa conta con 50 empresas de servizos turísticos con certificado de calidade SICTED. Así se evidenciou na III Gala de Calidade Turística que tivo lugar este luns, 13 de marzo no Balneario Mondariz, e na que se entregou o selo de calidade a 29 das empresas.
Ao acto, organizado polo GDR Condado Paradanta, acudiron representantes de diversas administracións públicas como a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e as alcaldesas e alcaldes dos dez concellos que constitúen este xeodestino: Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Así como representantes do tecido socieconómico do territorio.
Con este distintivo, recoñécese o esforzo e o compromiso coa calidade dos servizos turísticos do xeodestino Condado Paradanta. Algo que, segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo “supón unha oportunidade de colaboración entre as entidades públicas e privadas para traballar en conxunto nun xeodestino de calidade e diferenciador.” Castillo apunta ademais ao turismo como gran catalizador de unión territorial e desenvolvemento rural.
Polo seu lado a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Catro destacou a natureza, o enoturísmo, a enogastronomía e o termalismo como elementos esenciais para posicionar ao Condado Paradanta como xeodestino ideal para visitar en calquera época do ano.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal convidou ás empresas distinguidas a seguir traballando pola excelencia turística; e o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo, salientou a importancia e tradición do Balneario de Mondariz para o desenvolvemento do territorio e animou a seguir traballando pola calidade turística da zona.
Novas distincións
Durante a III Gala de Calidade Turística do Condado Paradanta certificáronse por vez primeira 7 empresas de servizos, entre as que se atopan 4 establecementos de aloxamento ( Hostal – Bar “O Cendal”, Vinosobroso, Balneario de Mondariz e o Hotel Cemar ), 2 centros de interpretación (Castelo de Sobroso e Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Sociocultural de Taboexa) e 1 guía de turismo (Julio Eiroa).
Renovación
Ao ser un programa bienal, 22 entidades do sector renovaron o seu certificado de calidade, entre as que se atopan 5 adegas (Eido da Fonte, Bodega Torgo, Bodegas Marqués de Vizhoja, Adega Rubén e Corisca SL) e 5 establecementos de aloxamento (A Pampla, Casa Vilamide, Hotel da Natureza Nande, Lugar dos Devas e A Cantaruxa Maruxa).
Tamén se renovou o certificado a 4 restaurantes (Casa Calviño, Restaurante Casa O Frenazo e Simoneta & Co), 2 oficinas de turismo (As Neves e Ponteareas), 2 empresas de produtos locais (Sociedad Cooperativa Agraria Condado Paradanta e Confitería Ancla) e unha axencia de viaxes (B The Travel Brand)