spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaÁngel Barros doa 150 cadros ao novo espazo museístico que ofrecerá Redondela...

Ángel Barros doa 150 cadros ao novo espazo museístico que ofrecerá Redondela e que levará o seu nome

Ángel Barros doa 150 cadros ao novo espazo museístico que ofrecerá Redondela e que levará o seu nomeNas vindeiras semanas comezará a rehabilitación das Antigas Casas dos Mestres para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo que albergará a obra de Ángel Barros.

Cousas de revista nº16

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas e o artista redondelán Ángel Barros veñen de formalizar por escrito ante notario a doazón de parte da súa obra, destinada ao museo sobre a historia de Redondela que vai a estar localizado onde agora se atopan as coñecidas como “Antigas Casas dos Mestres”.

No escrito detállanse os requisitos para a doazón entre os que se atopa a condición de que os case 150 cadros, valorados en máis de 300.000 euros, entregaranse no momento en que o museo esté completamente habilitado. Ademais, a obra debe ser de acceso público, dirixido ao pobo de Redondela e prohíbese a súa comercialización ou desmantelamento coa intención de que forme parte da exposición permanente.

Digna Rivas indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico e xa se fixo a documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela”. Fíxose un inventario detallado do tipo de técnica, tamaño da obra, descripción e título de cada cadro cumplindo co compromiso da moción proposta no pleno do ano pasado por distintos colectivos do municipio.

O proxecto museístico non será un simple espazo pictórico, senón que está previsto que albergue máis disciplinas e formatos enfocados á historia de Redondela, a memoria e a vida dun pobo. “Queremos rendir un homenaxe a Redondela a través de Ángel Barros, unha figura importantísima para o municipio. Viviu unha represión e dureza durante o franquismo que supo canalizar a través da arte. Atopou unha fonte de liberdade e un destino para a súa vida, sendo un gran exemplo para a xente nova”, engade Rivas.

A rexidora local lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.

O Concello de Redondela conseguiu dar resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres, desafectado dende o ano 2006 e, dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Con todos os trámites previos realizados, –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Concello comezará a recuperación do edificio das ‘vivendas dos mestres’ para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”.

Nas vindeiras semenas comezará a primeira actuación a realizar que será a rehabilitación integral da edificación para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

- Publicidade -spot_img