spot_img
InicioO MorrazoBueuO SonRías Baixas 2022 volve imparable na súa 19ª edición acadando a...

O SonRías Baixas 2022 volve imparable na súa 19ª edición acadando a súa cifra récord de asistencia

O SonRías Baixas 2022 volve imparable na súa 19ª edición acadando a súa cifra récord de asistencia O festival, no que destacaron os concertos de Rayden, La M.O.D.A., Kase.O ou Rels B, sumou un total de 22.230 asistentes, unha cifra na que destaca un público maioritariamente feminino así como un gran número de xente de idades moi novas. 

Revista COUSAS DE nº14

A 19ª edición do SonRías Baixas, celebrada os días 4, 5 e 6 de agosto, consolidou o festival como unha das citas imprescindibles do verán en Galicia. Logo de tres anos de espera, e con dúas edicións adaptadas ao contexto sociosanitario, o SonRías Baixas volveu ao seu modelo habitual de gran formato para ofrecerlle ao seu público unha completa experiencia musical e turística nas Rías Baixas, con tres xornadas ateigadas de directos, praia, gastronomía e natureza.

Para o co-director do festival, Jordi Lauren, esta edición “foi a confirmación do retorno do festival en toda a súa plenitude”. “Retomamos as boas sensacións do espírito SonRías e puidemos volver ver por fin esa convivencia máxica entre artistas, público e todas as persoas implicadas no festival. Estivemos tres anos traballando para que, por fin, as e os asistentes puideran gozar da experiencia SonRías Baixas en toda a súa esencia: música ao vivo, gastronomía e natureza”, afirma Lauren, CEO de PlayPlay Cultural -organizadora do evento-, quen tamén avanzou que o equipo “xa está a traballar na edición do ano que vén, na que festexaremos por todo o alto o 20ª aniversario do SonRías Baixas”.

A celebración do festival implicou a contratación de máis de 20 bandas e os seus respectivos equipos, mais tamén supuxo a contratación de provedores locais. Así, o SonRías Baixas 2022 xerou 510 empregos directos, nun evento no que a organización contou con empresas de proximidade para favorecer o emprego no territorio e poñer en valor de produtos de km. 0. Ademais, durante o seu desenvolvemento, Bueu contou cunha ocupación do 100% das súas plazas hoteleiras, un dato positivo que tamén se trasladou ás localidades da contorna da vila.

O impacto económico na zona pola celebración do festival foi duns 1,25 millóns de euros. “Xa sinalabamos na presentación que o SonRías Baixas non é só ún evento musical, senón que traballamos na procura de favorecer a posta en valor do territorio como destino musical, turístico e cultural”, expón Jordi Lauren. “A celebración do SonRías Baixas no seu gran formato é unha moi boa nova para a zona na que se celebra pola sua implicación e activación da economía da zona, non só para o sector de eventos e de música ao vivo, senón para todas e todos os axentes que conforman o territorio, como o sector hostaleiro, de transportes ou comercio de proximidade. O SonRías Baixas dota ao territorio de dinamismo e confirma a aposta que facemos desde PlayPlan por traballar desde a proxección e planificación do territorio, tanto a nivel económico como social, e de avogar por un modelo de festival responsable, sostible e de futuro”, apunta o co-director.

Público e programación artística

O evento contou neste 2022 con 22.230 asistentes -superando a cifra de 2019 e converténdose no récord de público do festival- un número do que destaca, especialmente, dúas características: un público maioritariamente feminino e de idades moi novas, o que segue a consolidar o SonRías Baixas como a primeira experiencia festivaleira para boa parte do público galego e menores de 30 anos. Nomeadamente, entre a franxa de idade dos 18 aos 22 anos (13%), 23 aos 25 anos (16%) e 26 aos 28 anos (16,8%); aínda que cómpre salientar tamén a franxa de menores de 1 a 17 anos (7%) que se deron cita no Recinto Multiusos da Estacada de Bueu.

No tocante ás bandas, Tanxugueiras foi un dos grupos máis aclamados polo público, que vibrou co concerto das pandeireteiras -no que se lles entregou un disco de ouro polo seu single Terra, que conta xa con máis de 30.000.000 de reproduccións-, mais tamén co regreso de bandas e artistas moi queridas polo público do SonRías, como é o caso de La M.O.D.A, Rayden ou Kase.O -no seu último concerto do verán en Galicia antes da súa retirada-. Tamén contou cunha gran acollida a actuación de Rels B na noite do xoves 4, nunha edición marcada especialmente pola incorporación de novos estilos musicais ao seu cartel.

Revista COUSAS DE nº14

“A nosa intención foi a de chegar a todos os públicos e incluír na programación estilos diversos, como o rap ou as músicas de raíz, e seguir consolidando SonRías como o primeiro gran festival ao que asiste o público máis novo”, sinala Berta Domínguez, co-directora do evento, quen lembra a importante presenza de mulleres no cartel, como é o caso de Bala, Tanxugueiras, Sofía Gabanna, Balkan Paradise Orchestra, Cool Nenas ou Sara Hebe. Ademais, o festival tamén foi primeiro escenario de artistas emerxentes, como no caso de Law, cantante e compositora de música urbana que foi unha das oito rapazas mentorizadas na I Edición de Descúbreas, un proxecto de apoio e impulso ao talento musical feminino promovido pola Deputación de Pontevedra. A súa actuación foi programada nun formato reducido que contou cun público formado por artistas do panorama musical actual, membros da industria discográfica e programadores de varios festivais estatais.

Ao longo de tres xornadas, en Bueu actuaron máis de 20 bandas e artistas sobre os escenarios Xacobeo 21-22 e Turismo Rías Baixas. Bandas consolidadas, como Kase.O, Eskorzo, Rayden ou Arnau Griso -no seu concerto de despedida ante o público galego- mais tamén novas voces de estilos urbanos como Sofía Gabanna, JazzWoman, ou referentes no seu ámbito, como Rels B. O SonRías Baixas foi o escenario no que se deron a coñecer os novos discos de Tanxugueiras, Ciudad Jara, Suu, La M.O.D.A., Delaporte ou García Mc & Nación Quilombo, mais tamén a primeira parada en Galicia de artistas como Emlan ou Maurino. O festival tamén supuxo a única cita no territorio galego deste verán de bandas como Buhos ou Sara Hebe. O cartel completouse con dúas sesións de Cool Nenas na noite do xoves 4 e unha sesión vermú (sábado 6) amenizada por La Duendeneta e Grande Amore.

Plan de sustentabilidade

O SonRías Baixas leva varias edicións traballando para que cada ano o festival sexa máis sustentable en todos ámbitos que abrangue o evento. Nesta 19º edición, a organización activou un plan de sustentabilidade sen precedentes na historia do festival, poñendo o aceno na recollida selectiva de residuos –tanto no recinto dos concertos, como nas barras e na zona de acampada-, en minimizar os consumos de enerxía e auga; na reducción de plásticos dun só uso e na implantación de medidas que fagan do SonRías Baixas un espazo seguro e inclusivo.

Se o ano pasado o SonRías foi un dos proxectos que se sumou ao Pacto Cultura Sustentable -un gran acordo do que forman parte vinte e sete festivais de música e cinema de Galicia-, este ano forma parte do Greentour Project, un proxecto europeo concebido para mellorar os métodos de xestión do patrimonio natural e cultural.

Alén das cuestións ambientais, o festival incorporou un Plan de lecer non sexista -en cumprimento do ODS a prol da igualdade de xénero- para garantir que o evento fose un espazo seguro e inclusivo, tanto para o público como para artistas e persoal traballador; e que as mulleres tivesen as ferramentas necesarias para desenvolverse en igualdade de condicións.

O SonRías Baixas 2022 é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, RíasBaixas Fest e Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e do programa FEST Galicia; ademais do patrocinio de El Águila.

- Publicidade -spot_img