spot_img
InicioBaixo MiñoO Rosal acolle unha nova acción de "Mulleres en Acción, Violencia Zero...

O Rosal acolle unha nova acción de “Mulleres en Acción, Violencia Zero coa presentación do proxecto ‘100% contigo’ de Mar Caldas

O Rosal acolle unha nova acción de "Mulleres en Acción, Violencia Zero coa presentación do proxecto '100% contigo' de Mar CaldasO vindeiro luns 5 de novembro o Auditorio Municipal do Rosal acolle unha nova acción de “Mulleres en Acción, Violencia Zero coa presentación do proxecto ‘100% contigo’ que a fotógrafa Mar Caldas levou a cabo no mes de xullo no Rosal.

Este luns, Caldas presentará ante preto de 220 estudantes a súa recompilación de rostros acompañada por varias alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier que tamén participarán activamente nesta nova intervención. Serán elas as que reciten os nomes de cada unha das persoas retratadas na mostra fotográfica e informen sobre os traballos que desempeñaron ou están a desempeñar.

Ao acto asistirá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e por parte do Concello a alcaldesa Mª Carmen Alonso Alonso e Charo Tabales Perozo, concelleira da área de Muller, e están invitado o profesorado e alumnado do CPI Suárez Marquier.

‘100% contigo’ é un proxecto que visibiliza a contribución das mulleres do Rosal á súa  comunidade.

No mes de xullo, durante a feira do viño e as festas parroquiais, Mar Caldas instalou un estudo fotográfico na praza principal da vila. Nesos contextos de festexo e conmemoración, invitaba ás mulleres a seren fotografadas individualmente ou en grupo, a modo de retrato de familia.

Co atrezo utilizado no retrato quería salientar o protagonismo social das mulleres e realzar a súa grandeza e dignidade: os sillóns de madeira nobre e veludo vermello do salón de plenos do Concello alzaban ás cidadás; enmarcábanas elegantes panos de fondo -tecidos de seda e brocados propios do traxe galego tradicional.

Despois de retratalas preguntáballes sobre os traballos desempeñados no presente e no pasado. Axiña revelouse a incidencia da emigración na comunidade de rosaleiras, especialmente a Suiza. Nas conversas suscitouse a cuestión daqueles traballos que non se consideran como tales polo nulo recoñecimento social e pola falta de remuneración; traballos dos que se esquece a súa existencia porque se dan por sentado, traballos que nin teñen nome: os labores relacionados coa leira, co fogar e co coidado de membros da familia.

Así recolectou case un centenar de facianas e relatos que conforman un retrato colectivo en feminino do Rosal. Un certo apunte antropolóxico xurde dun proxecto artístico no que utiliza recursos da fotografía popular -o estudo fotográfico ambulante, o dispositivo portátil- e da historia da pintura -a composición, a iluminación, a postura corporal.

Os retatos entrelázanse nunha proxección audiovisual, evocando os vínculos que se establecen entre as mulleres, os apoios que se prestan entre ellas nas súas contribucións ao sustento familiar, facilitando -ou mesmo posibilitando- o desempeño fóra de casa de traballos que sí son retribuidos.

A proxección acompáñase do recitado dos nomes das mulleres e dos traballos por elas exercidos. Esta recitación é feita por alumnas do Colexio Público Integrado do Rosal que así homenaxean ás súas predecesoras -algunhas delas mesmo son fillas ou netas das mulleres retratadas, as cales tamén colaboran na acción.

Mar Caldas é unha artista visual que traballa principalmente con fotografía e video.

Desde os anos 90, ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas en España e no estranxeiro. No seu traballo artístico predominan temáticas como a visibilidade das mulleres, as relacións de dominación entre os xéneros, o valor da micro-historia ou as políticas da representación.

- Publicidade -spot_img