A exposición fotográfica ‘Tecedoras do cambio’ inaugurouse en Pontevedra no marco do proxecto ‘Mulleres que mudan o mundo’ impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a vogal da Coordinadora, Lorena Seijo, presentaron ante os medios a mostra fotográfica composta por imaxes de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia.
Son 23 fotografías de mulleres de 14 países imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades: labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras… Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, con ONGD galegas en procesos de desenvolvemento e de mellora das condicións materiais e emocionais das súas comunidades.
A exposición conta as historias de loita e vida de Vanada, unha muller ‘intocable’ segundo o sistema de castas hindú que hoxe participa en procesos de empoderamento doutras mulleres; de Doña Luci, quen con 15 anos tivo que desprazarse cara á costa como consecuencia do conflito armado dos anos oitenta en El Salvador e que, trinta anos despois, formou unha cooperativa de mulleres mariscadoras; de Haydée Castillo, unha histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos en Nicaragua que na década dos 70 se sumou á loita contra a ditadura dos Somoza, participou activamente na Revolución Popular Sandinista e hoxe está ameazada polo goberno de Ortega pola súa incansable loita polos dereitos das mulleres campesiñas; de Aixa, unha muller que non coñece outra terra que o campo de persoas refuxiadas saharuís de Tindouf. A exposición estará aberta ao público do 5 ao 21 de novembro no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra (Av. Montero Ríos s/n).
O proxecto Mulleres que mudan o mundo desenvolverase do 5 e o 28 de novembro en distintos concellos da provincia de Pontevedra (A Estrada, Cangas do Morrazo, Caldas de Reis, Pontevedra, Lalín, Silleda, Vigo e Vilagarcía) . O obxectivo principal desta iniciativa é visibilizar as loitas colectivas polos dereitos das mulleres en países en situación de pobreza e como a cooperación é unha ferrmenta de apoio para as comunidades e os pobos. Para iso, ademais da mostra fotográfica, organizarase unha xira con Juventina López e Muanela (Ita) Icol, dúas mulleres indíxenas de Guatemala que contarán, de primeira man, a súa experiencia de vida e loita tanto en espazos abertos á cidadanía como en centros educativos da provincia.



