spot_img
InicioVigo e áreaVigoO Proxecto Julio Verne liderado polo Porto de Vigo consegue fondos Next...

O Proxecto Julio Verne liderado polo Porto de Vigo consegue fondos Next Generation e será unha realidade a principios de 2024 en Bouzas

Foi seleccionado como o 7º proxecto mellor valorado de España entre máis dun centenar de solicitudes dentro da 1ª convocatoria de Proxectos Pioneiros e Singulares de Hidróxeno.

Revista COUSAS DE Nº15

Seguindo as directrices das actuacións enmarcadas na súa estratexia de economía azul sostible, a Autoridade Portuaria de Vigo lidera e coordina unha iniciativa que permitirá dispoñer, non só da primeira estación pública de Galicia de hidróxeno verde, senón tamén, empregar este combustible na mobilidade terrestre, marítima e industrial.

Así o afirmou esta mañá o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola directora e o xefe do Departamento de Sustentabilidade do organismo, Beatriz Colunga e Carlos Botana, respectivamente, así como polos promotores do proxecto Julio Verne (Univergy, Soltec Enxeñeiros, ANFACO e Quantum Group), e as empresas e entidades colaboradoras do mesmo (Neuwalme, Exportrends, Energylab, CTAG, Aclunaga, Aister, Botamavi, a Universidade de Vigo, Unvi, e a Asociación de Empresarios de Estacións de Servizo de Pontevedra (AEESP).

Segundo lembrou, o proxecto Julio Verne foi seleccionado como o 7º mellor valorado de España entre máis dun centenar de solicitudes dentro da 1ª convocatoria de Proxectos Pioneiros e Singulares de Hidróxeno, e recibirá unha axuda de 2,4M€ “grazas ao traballo e xenerosidade dun magnífico equipo”. Un proxecto que, a pesar de contar cunha ampla representación do tecido empresarial galego, “está aberto a todos para seguir crecendo”.

Un proxecto “ilusionante e moi importante para Galicia”

Pola súa banda, o representante dos promotores do proxecto e conselleiro delegado da sociedade Julio Verne Hidróxeno Porto de Vigo, SL, Julio Hidalgo, indicou que se trata dun proxecto “ilusionante e moi importante para Galicia”, xa que posibilitará a xeración de hidróxeno verde procedente 100% de fontes renovables.

Segundo explicou, para a produción de hidróxeno utilizarase, nunha primeira fase, un electrolizador alcalino de 1,4 Mw de potencia alimentado por enerxías renovables, capaz de xerar 570 kg diarios de hidróxeno, ou o que é o mesmo, máis de 200 tns/ano, que sería o equivalente á reposición duns 40 camións pesados, o que supoñerá a redución de máis de 2.800 tons. de C02 anualmente.

Entre as singularidades do proxecto, citou que se vai a destinar ao transporte pesado por estrada, transporte marítimo e consumos industriais. “Será, ademais, unha das primeiras hidrogeneras de dispensado público de Galicia e España, contribuíndo, deste xeito, á folla de roteiro do hidróxeno”, salientou.

Un proxecto pioneiro e singular

O proxecto, que conta cun investimento total de 6,5M€ e está previsto que sexa unha realidade a principios de 2024, será pioneiro e singular na xeración e dispensado local de hidróxeno verde, e diferenciarase doutros proxectos, tanto en España como a nivel internacional, ao contemplar a implantación dunha estación de hidróxeno ou hidrogenera de acceso público na zona portuaria de Bouzas, é dicir, unha estación de servizo ou almacenamento para o hidróxeno que o dispensa e o seu uso tanto para aplicacións de mobilidade terrestre como para a propulsión mariña.

Entre os seus obxectivos, o proxecto pretende demostrar a viabilidade técnico-económica da xeración/dispensado de hidróxeno verde para aplicacións en loxística portuaria e de mobilidade terrestre e marítima e para abastecer consumos industriais de hidróxeno e osíxeno na zona, así como iniciar o desenvolvemento das aplicacións do hidróxeno verde na mobilidade marítima como elemento diferenciador e de liderado para Galicia nestas tecnoloxías, desenvolver a cadea de valor do hidróxeno verde, fomentar a xeración de emprego de calidade e a creación e diversificación de empresas no uso destas tecnoloxías e fomentar o desenvolvemento, formación e crecemento en I+D+i a través dos centros tecnolóxicos punteiros dos que dispón Galicia. Este proxecto pretende ser, ademais, o xerme de novas iniciativas nos estaleiros de Vigo e a provincia, marcando o punto de partida para o desenvolvemento de novas tecnoloxías baseadas no hidróxeno. Trátase dunha primeira fase, onde xa se atopa pechado o 80% do consumo para uso industrial, así como para o desenvolvemento da mobilidade terrestre e de buques portuarios.

- Publicidade -spot_img