·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoO proxecto “Do Mosteiro a Santiago” viaxa por Galicia para divulgar a...

O proxecto “Do Mosteiro a Santiago” viaxa por Galicia para divulgar a súa experiencia

O proxecto “Do Mosteiro a Santiago” viaxa por Galicia para divulgar a súa experienciaO vídeo documental sobre esta experiencia vinculada ao cabalo de pura raza galega comeza un ciclo de proxeccións por diversas asociacións que traballan no eido da diversidade funcional

O proxecto “Do Mosteiro a Santiago”, unha iniciativa de Finca Moreiras organizada polo Concello de Oia e beneficiaria do programa O teu Xacobeo, segue a dar pasos adiante nos seus obxectivos de unir a posta en valor do patrimonio, a promoción e difusión do cabalo de pura raza e a creación de oportunidades. A través dun vídeo-documental, o proxecto difundirá a súa experiencia por distintos centros galegos que traballan con persoas con diversidade funcional.

A experiencia “Do Mosteiro a Santiago” desenvolveuse o pasado mes de outubro e nela participaron un centenar de usuarios e usuarias das asociacións Avelaíña, Arela, Aceesca, Juan María e San Xerome; os cales fixeron varias etapas da ruta xacobea entre Oia e Santiago acompañados por cabalos de Finca Moreiras.

A saída desde o Mosteiro de Oia, os distintos tramos percorridos por cada un dos grupos, a chegada a Santiago, as experiencias vividas polas persoas participantes e a especial relación forxada entre elas e os cabalos de pura raza galega quedaron documentadas nun vídeo elaborado por Ollomol Audiovisual.

Con algo máis de 20 minutos de duración, o documental é un fiel reflexo do acontecido nesta experiencia única de convivencia, superación e goce da paisaxe e o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago. Ao mesmo tempo, nel plásmase a especial dificultade de organizar e desenvolver a peregrinación en plena pandemia, nun momento de elevado nivel de restricións.

Agora, este audiovisual comezará un ciclo de proxeccións que o levará a percorrer as distintas entidades participantes, así como outras asociacións que traballan no eido da diversidade funcional. A primeira destas proxeccións tivo lugar o martes no Mosteiro de Oia e contou coa asistencia de representantes e persoas usuarias das entidades implicadas.

Proximamente, o vídeo tamén estará dispoñible na canle de Youtube do Concello de Oia.

Agradecementos

Como entidade organizadora, o Concello de Oia manifesta o seu agradecemento a Finca Moreiras polo deseño, posta en marcha e desenvolvemento da iniciativa “Do Mosteiro a Santiago”, así como ás distintas asociacións que participaron e se implicaron dun xeito tan intenso no proxecto.

Así mesmo agradece a colaboración da Xunta e o Xacobeo 2021 e da empresa patrocinadora Civis Global. Finalmente, tamén quere trasladar o seu recoñecemento ao Mosteiro de Oia, por permitir que o percorrido partise desde o emblemático cenobio cisterciense fundado no século XII, e a Ollomol Audiovisual pola súa dedicación.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies