·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoA marcha solidaria «700 camisetas contra a leucemia» reunirá este domingo a...

A marcha solidaria «700 camisetas contra a leucemia» reunirá este domingo a 500 persoas camiñando pola vida desde Vigo a Pontevedra

A marcha solidaria «700 camisetas contra a leucemia» reunirá este domingo a 500 persoas camiñando pola vida desde Vigo a PontevedraMáis de 500 persoas, camiñantes corredores e membros de Discamino, reuniranse este próximo domingo, 26 de setembro, en Vigo para camiñar pola vida na marcha «700 camisetas contra a leucemia», ao longo de 36 quilómetros ata chegar ao seu destino na cidade de Pontevedra. Esta iniciativa solidaria, que cumpre xa doce edicións, ten como obxectivo sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da doazón de medula ósea e de sangue do cordón umbilical.

A saída, no Centro Comercial A Laxe de Vigo, realizarase de forma graduada desde as 9.00 h para os camiñantes e a partir das 10.00 h para os corredores e os membros do Discamino, que un ano máis participan nesta experiencia solidaria. Previamente á saída, ás 8.40 h, realizarase unha sinxela homenaxe a todas as persoas que nos deixaron e ás que loitan por volver a unha normalidade máis que desexada por todos.

Nesta edición, e dadas as circunstancias provocadas pola pandemia da COVID-19, adoptáronse medidas extraordinarias para garantir a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes. Por este motivo, para poder facer o percorrido será obrigatorio estar vacinado ou, na súa falta, presentar unha proba PCR ou de antígenos realizada con 48 horas de antelación á realización da marcha.

Por outra banda, as persoas participantes estarán acompañadas ao longo dos 36 quilómetros de percorrido desde o Centro Comercial A Laxe e ata a Praza da Peregrina, en Pontevedra, por persoas voluntarias con vehículos e motos de apoio. Ademais habilitaranse 5 puntos de avituallamiento e un servizo de recuperación á chegada a Pontevedra.

700 CAMISETAS CONTRA A LEUCEMIA

A «Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia» é unha iniciativa solidaria que se iniciou no ano 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no ano 2009 (entre Vigo e Pontevedra) e que formaba parte de 10 etapas percorrendo Galicia coa intención de entregar 700 camisetas, que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia. De aí xurdiu o movemento en Facebook «700 camisetas contra a Leucemia” que a día de hoxe seguen case 18.480 persoas en todo o mundo.

Cando arrincou o proxecto, en 2009, había unicamente 60.000 rexistros en España; hoxe son preto de 450.000. Un salto cuantitativo moi importante pero que segue sendo insuficiente para que as persoas que necesitan anualmente un transplante de medula teñan a posibilidade de atopar un doante compatible e salvar a súa vida. Por iso, esta iniciativa solidaria estende o seu labor ao longo de todo o ano con outras accións de concienciación e visibilidade, dando valor á acción altruísta e solidaria de moitas persoas que son ou serán doantes e que regalarán vida ás persoas que necesiten recibir un transplante.

A Asociación FRANGIL contra a leucemia, que ampara este evento, foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividade de Francisco Gil, que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies