spot_img
InicioVal MiñorGondomarO plan municipal de composteiros de Gondomar intégrase na plataforma Revitaliza Coin

O plan municipal de composteiros de Gondomar intégrase na plataforma Revitaliza Coin

O plan municipal de composteiros de Gondomar intégrase na plataforma Revitaliza CoinPreto dun centenar de veciños e veciñas de Gondomar contan xa co seu composteiro individual no municipio, tras completarse a repartición de 40 novos depósitos de residuos orgánicos.

En total contémplase a repartición de 200 composteiros dentro desta iniciativa municipal pola que tamén se interesou a Deputación Provincial de Pontevedra, que dentro do seu Plan Revitaliza ofreceu a posibilidade de incluílo na plataforma web Revitaliza Coín. O acordo alcanzado coa institución provincial permitirá o uso desta aplicación onde se poderán rexistrar os comuneiros por parcela catastral e representante da unidade familiar.

Esta nova colaboración facilitará o proceso de control da compostaxe poñendo ao alcance do usuario e do concello información importante para unha correcta xestión. A plataforma permitirá dixitalizar toda a documentación, e será posible realizar un seguimento das visitas que se fan no primeiro ano de uso co fin de aclarar calquera dúbida, como para comprobar o bo funcionamento do plan de compostaxe. Así mesmo esta web recolle unha serie de datos que serán de utilidade para os usuarios deste sistema de reciclaxe xa que nela poderase acceder a datos tan relevantes como a temperatura, o grao de humidade, localización, o tanto por cen de enchido ou fotografías entre outras cuestións.

O alcalde do municipio, Paco Ferreira, agradeceu unha vez máis a colaboración dos veciños e veciñas de Gondomar porque “sen a vosa implicación é moito máis difícil lograr o noso obxectivo dun municipio libre, sustentable e verde”. Nese sentido lembrou o compromiso claro que o goberno que dirixe ten coa defensa do medioambiente, adoptando medidas e decisións que supoñan unha redución de elementos contaminantes na nosa sociedade.
- Publicidade -spot_img