A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, participou na apertura da mostra da Federación ASPACE Galicia, que poderá visitarse ata o vindeiro 7 de febreiro
O Pazo provincial da Deputación acolle dende este martes a exposición #HeNacidoParaVivirLaVida centrada na importancia da atención temperá para o futuro dos nenos con parálise cerebral como cimento da vida independente e a participación das persoas con grandes necesidades de apoio. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, participou na apertura desta mostra itinerante de fotografías da Federación ASPACE Galicia que se poderá visitar no vestíbulo do Pazo ata o 7 de febreiro.
“Todos nacermos para vivir a vida: para ser felices, emocionarnos, sentir, etc. E para que poidamos vivir a vida axeitadamente precisamos, sobre todo nos nosos primeiros meses e anos de vida, unha correcta atención”, asegurou a deputada provincial, ao tempo que mostrou o seu “orgullo” por ser o Pazo provincial o lugar escollido en Pontevedra para dar o tiro de saída a esta exposición. Nela, a través de 22 imaxes en cor realizadas polo fotógrafo Luis Simón Aranda, móstrase como se reflicte a atención temperá na vida de menores con parálise cerebral e no seu futuro, a través do seu día a día e do seu reflexo en persoas adultas.
Na inauguración, a deputada provincial, que estivo acompañada pola presidenta da Federación ASPACE Galicia, Concepción Somoza Torres, así como do presidente da Asociación AMENCER ASPACE, Carlos Godoy, e a vicepresidenta da Federación e xerente da Asociación, Mónica Touriño, quixo aproveitar para facer un recoñecemento a Aspace e “ao traballo tan necesario e importante que desenvolven”.
Tras esta primeira parada en Pontevedra, a mostra #HeNacidoParaVivirLaVida, que conta ademais coa colaboración da Fundación GMP, percorrerá outras 15 cidades do noso pais: A Coruña, Murcia, Pamplona, Vigo, Logroño, Zaragoza, Vitoria, León, Bilbao, Salamanca, Segovia, Santander, Toledo, Zamora e Madrid.




