spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraO Pazo da Cultura de Pontevedra está preto de usar só enerxías...

O Pazo da Cultura de Pontevedra está preto de usar só enerxías renovábeis para o seu consumo

O Pazo da Cultura de Pontevedra está preto de usar só enerxías renovábeis para o seu consumoTanto o Pazo coma o recinto feiral recibirán actuacións nas súas estruturas envolventes, na habitabilidade dos interiores s e na dixitalización de todos os sistemas de climatización

Revista COUSAS DE Nº15

A instalación de placas solares no teito e na cuberta dos dous edificios afondará na aposta polas enerxías renovábeis e mesmo podería ser fonte de enerxía para outros equipamentos municipais

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, aproveitou a súa comparecencia do pasado para dar conta da Xunta de Goberno, para falar dun dos proxectos nos que o Concello leva traballado arreo ao longo dos últimos meses, que foi presentado ao Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep),  e que terá como fin a mellora da eficiencia enerxética do Pazo da Cultura.

«Por que é especialmente significativo este proxecto? Porque é un proxecto integramente destinado á mellora das condicións de aforro e demais cuestións que teñen que ver coa eficiencia», explicou a edil. «A diferencia doutros proxectos semellantes no eido da eficiencia, como por exemplo no conservatorio, que se aproveita para facer unha reestruturación interna e externa, neste caso só imos tocar o edificio para mellorar o aforro, é algo pioneiro neste campo».

A portavoz lembrou que o Pazo da Cultura é un dos edificios municipais con maior consumo eléctrico. É unha intervención que conta cun orzamento de 2.987.482,60 euros. «Case 3 millóns de euros de PO2, con actuacións novidosas que teñen como base fundamental a mellora enerxética».

O proxecto incluirá actuacións na estrutura envolvente do edificio, modificando algunhas instalacións, mais nunca quedará afectado o aspecto exterior do Pazo e do recinto feiral. Cómpre lembrar que o Pazo da Cultura foi Premio Nacional de Arquitectura no ano 1999, pola súa novidade no deseño e a súa finalidade de conexión do río e da ría coa propia cidade de Pontevedra.

Será tamén mellorada a habitabilidade dos dous espazos, con actuacións que logren maior confort térmico e lumínico. «Son cuestións precisas, que mellorarán os eventos e os congresos do que o Pazo é sede», comentou Gulías.

Doutra banda, apostarase pola dixitalización de todos os sistemas nomeados, ademais de sinalar mellor os elementos de emerxencia e os seus plans. O Concello, deste xeito, poderá saber en tempo real o consumo do lugar e detectar posíbeis disfuncións do equipamento.

«Imos traballar con enerxías renovábeis, instalando placas solares, que se colocarán no teito e nas cubertas do Pazo e do recinto feiral», sinalou a portavoz. «Nun principio están pensadas para autoconsumo dos edificios. A intención é lograr case o cen por cen do consumo con enerxías renovábeis, mais non descartamos que estas instalacións poida chegar a dar servizos a outras instalacións municipais, coma pode ser o Pavillón Municipal dos Deportes, situado ao seu carón; mais non descartamos outros servizos».

Os sistemas de ventilación e climatización serán mellorados e tratarase de recuperar o calor perdido con sondas de calidade de aire interior e portas de regulación, mellorando así os fluxos de climatización e de conservación do calor, gastando menos e mellorando a eficiencia. «Unha das cuestións básicas e garantir a distribución individual por estancias, o que suporá un aforro moi significativo respecto do que agora temos. Doutra banda, todo o sistema lumínico será substituído por un sistema LED, o que suporá un aforro cuantioso».

Gulías tamén quixo sinalar que dentro das ideas de mellorar a permeabilización e illamento do edificio, figura a instalación dunha fachada transventilada que «manterá unha eficaz ventilación natural que vai permitir o illamento seco e a impermeabilización». Así, a edil lembrou que no seu día estiveron outras solucións para este obxectivo, mais xa foron descartadas. Dentro desas posibilidades estaba a instalación dunha cuberta axardinada nas superficie, mais o mantemento e as características tendo en conta a climatoloxía de Pontevedra dispararíase en custes e ofrecería máis problemas que beneficios.

É preciso sinalar que esta posíbel cuberta verde ou axardinada entraba dentro dun plan de colaboración coa Fundación Biodiversidad. Eses fondos, previstos para esta acción de creación dunha cuberta verde, serán usados, se dá o visto o bo a mesma Fundación, para situala na futura renovación da Praza da Liberdade, onde sería moito máis doado o seu mantemento. «Este cambio está condicionado a esta aceptación. As informacións que temos é que só sería un cambio de ubicación e non debería haber problema», finalizou Gulías.

O proxecto debería estar executado antes do ano 2026, segundo o calendario previsto e manexado polo Concello e o Pirep.

- Publicidade -spot_img