O Obradoiro de emprego “Valmiemprega III” realizou unha visita guiada dirixida aos 15 alumnos, xunto cos seus profesores do Instituto Saint-Jean Eudes de Vire en Normandía, que se atopan de intercambio co IES Auga da Laxe de Gondomar. Foron recibidos polo Alcalde de Gondomar, quen lles dou a benvida, e acto seguido realizouse un percorrido polos arredores da Vila Condal.
Iniciouse cunha pequena ruta polo Parque da Coelleira, onde viron a xunta dos ríos Zamáns e Morgadáns que forman o Miñor. Seguidamente amosáronlles o Acueduto do Bravo, unha das xoias agochadas da Vila, volveuse ata o centro por un pequeno sendeiro que desemboca na Ponte de Rosas, xunto ao seu fermoso lavadoiro.
O percorrido continuou pola Igrexa parroquial e o conxunto etnográfico da Fonte e Lavadoiro de San Bieito, rematando a xornada na Praza da Paradela, onde se lles explicou a recente restauración da mesma, o edificio do concello e outras curiosidades como a escultura homenaxe aos voluntarios dos incendios forestais.
O grupo de intercambio amosouse moi interesado en todas as explicacións, e dende o obradoiro valórase moito este tipo de iniciativas que axudan a promocionar os nosos recursos máis alá do Val Miñor.



