spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraO Museo de Pontevedra pon o feminino como protagonista na exposición ‘Mulleres....

O Museo de Pontevedra pon o feminino como protagonista na exposición ‘Mulleres. De Renoir a Sorolla’

O Museo de Pontevedra pon o feminino como protagonista na exposición ‘Mulleres. De Renoir a Sorolla'O Museo de Pontevedra abre esta tarde as portas da exposición que completa a súa programación deste verán e que aspira a ser un dos grandes reclamos culturais de Galiza nesta tempada estival: ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’. A mostra reúne medio cento de pezas da Fundación Fran Daurel con autores como Renoir, Casas, Rusiñol, ou Sorolla que poñen á muller como protagonista nos turbulentos anos da transición entre o século XIX e XX, cando o ámbito do feminino se convirte nun dos asuntos máis tratados pola modernidade.

O director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey destacou hoxe a transcendencia e o interese temático das obras expostas, polo que augurou unha moi boa acollida entre o público que, ao seu entender, non só chegará da veciñanza e persoas visitantes da capital pontevedresa senón que de todo o país. A mostra estará aberta ata o 17 de outubro no Edificio Castelao.

‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ reúne medio cento de obras, entre elas óleos, debuxos e esculturas. Todas elas trasladan ao público á época de efervescencia intelectual e de fondas transformacións sociais do cambio de século XIX ao XX e amosan a apertura que o universo feminino comezou a experimentar conquistando novos territorios que pintores e escultores quixeron plasmar de maneira natural.

“Falamos de Renoir, Sorolla, pero tamén de Casas, Nonel, Rusiñol, Baixeras, Hugué, Palencia ou Gargallo, e outros autores, cuxas obras amosan ademais da visión máis tradicional e convencional a chegada da identidade feminina a outros ámbitos máis novidosos”, explicou Rey.

A comisaria da mostra, Helena Alonso, explicou que as obras incluídas na exposición seleccionáronse de entre a colección de Francisco Daurel, cos mellores representantes da pintura e a escultura no cambio de século. Lembrou que no momento en que destacaron estes artistas París era un centro cultural por excelencia no que a arte “permeaba” nos diferentes creadores de diferentes disciplinas.

Do interior á conquista do exterior

As obras de ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ están estruturadas en diferentes ámbitos. O primeiro é o da representación da muller no ámbito intelectual, que toma forza no cambio de século e fai que o tema da muller lectora sexa un dos máis tratados na pintura. De feito, a finais do século XIX, segundo explicou a comisaria Helena Alonso, o índice de alfabetización feminino triplícase o que fai que se publiquen obras literarias e revistas que permiten incluso a autoformación.

Outro dos apartados é o dos espidos, que se manteñen como un dos ámbitos de representación femininos, con tres exemplos na mostra dos autores Masriera, Sorolla e un mozo Benjamín Palencia. Todos teñen intencionalidades diferentes marcadas polas tendencias pictóricas de cada momento, destacando entre eles o ‘Espido no diván amarelo’, un dos escasos espidos de Sorolla, do que se pensa que a retratada é a súa muller Clotilde, quen non deixaba que modelos posasen para os seus cadros.

Seguindo o percorrido da mostra chégase ao apartado ‘Dentro’, en referencia ao interior doméstico nas súas diferentes facetas para as mulleres, “que é o lugar onde moitos artistas seguían situando a representación do ámbito feminino”, apuntou Alonso. Pásase despois a ‘A conquista do espazo exterior’, onde se pode ver como a muller conquista a natureza, as praias, os teatros ou a propia cidade, idea claramente representada na obra de Antonio Utrillo ‘Dos Amigas’, na que se ven dúas mozas, de noite, paseando polas rúas.

O retrato é outra das seccións, debido á importancia dada pola burguesía daquel tempo, na que coexisten retratos tradicionais nos que se exaltaban valores de pureza aínda vixentes, outros nos que a moda era algo a destacar por parte dos pintores e outros con matices expresionistas.

Finalmente, confróntanse as mulleres traballadoras, moitas veces acompañadas dos seus fillos e representadas con grande dignidade, e a Arcadia Soñada, unha visión das mulleres como as responsables de transmitir valores ás crianzas que xurdiu tralo fin da I Guerra Mundial.

Para pechar a mostra, está dispoñible unha playlist de Spotify cun código QR na que se inclúen autores da época que musicalmente influíron ou se viron inspirados por outras disciplinas creativas do momento: Manuel de Falla, Berthe Sylva, Félix Mayol, Erik Satie, e incluso Manuel Quiroga. “Queremos que a persoa visitante coñeza ese período creativo no que os artistas tiñan estreito contacto”, subliñou a comisaria.

- Publicidade -spot_img