Exposicións, música, traxes, obradoiros, en definitiva a cultura galega, serán os grandes protagonistas do 1 ao 11 de setembro no Morrazo.
Esta mañá, ás 12h do mediodía, no salón de plenos Concello de Moaña, tivo lugar a rolda de prensa e presentación do programa das III Xornadas Etnográficas do Morrazo: música, baile, traxe e concienciación medioambiental, que terán lugar do 1 ao 11 de setembro nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.
As xornadas da Asociación Cultural Peis D’ Hos contan co respaldo da Mancomunidade e están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra. Ao acto de presentación acudiron a deputada provincial, Victoria Alonso, o alcalde de Bueu, Félix Juncal e o edil de Cultura, Xosé Leal; a alcaldesa de Cangas do Morrazo, Victoria Portas e como anfitrioa exerceu a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos e as concelleiras Marta Freire e María Ortega. Todos coincidiron en la importancia de seguir compartindo proxectos no eido da Mancomunidade.
Bueu, Cangas e Moaña acollen a 3ª edición das ” Xornadas Etnográficas do Morrazo: música, baile, traxe e concienciación ambiental”. Estas xornadas xurdiron co propósito de dotar á cultura galega dun espazo de difusión nos tres concellos.
A Asociación Peis D’ Hos é a responsable un ano máis de levar adiante esta iniciativa, que conta coa colaboración dos tres concellos a través da Mancomunidade do Morrazo. “Queremos agradecer o apoio das administracións públicas a este proxecto etnográfico que cada ano vai medrando máis e que xa é unha referencia no panorama cultural galego. Gracias por apostar pola cultura segura”- comenta o director artístico de Peis D’ Hos, Miguel Sotelo.
“A Mostra Etnográfica, o día grande, terá lugar o domingo 5 de setembro e será albergado polo Concello de Moaña. En edicións anteriores este evento tivera lugar en Cangas (2018) e Bueu (2019). No 2020 non se celebraron as Xornadas Etnográficas do Morrazo debido á situación sanitaria derivada pola Covid-19 e as respectivas restriccións”, engadiu Sotelo.
“Nesta edición, a realización de todas as actividades encadradas dentro das XEM faranse seguindo os protocolos recomendados polo Ministerio de Sanidade do Goberno de España e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para a prevención da propagación do virus Covid-19”, subliñou o responsable de Peis D’Hos
A autora do deseño do cartel é a ilustradora Luz Beloso
PROGRAMACIÓN DAS III XORNADAS ETNOGRÁFICAS DO MORRAZO
– De MÉRCORES 1 a SÁBADO 11 de setembro:
* Exposición sobre a gaita, pola Deputación de Pontevedra, no Alto da Praza de Abastos (Bueu). Inauguración da exposición o mércores 1 ás 20:00h.
* Exposición fotográfica “rituais en Galicia”, de Roberto de la Torre, no Centro Social do Mar (Bueu). Inauguración da exposición o mércores 1 ás 20:30h.
– De MÉRCORES 1 a LUNS 6 de setembro:
* Exposición do traxe tradicional de Lugo, por Traxandaina, na Capela do Hospital (Cangas). Inauguración da exposición con visita guiada o mércores 1 ás 20:00h. Horarios: de 11:00h a 14:30h e de 19:00h a 21:30h.
– VENRES 3 de setembro:
* Charla “O mundo dos hórreos”, por Carlos Roberto De Pacho, na Casa do Pobo de Beluso (Bueu), de 20:30h a 21:30h.
– SÁBADO 4 de setembro:
* Exposición e demostración do oficio oleiro, por Alén das Olas, no Alto da Praza de Abastos (Moaña), de 11:00h a 13:30h.
* Documental “Dorothé na vila”, de Olaia Tubío e Alejandro Gándara, no Auditorio de Cangas, de 20:30h a 22:00h. Presentación e coloquio.
– DOMINGO 5 de setembro:
MOSTRA ETNOGRÁFICA DO MORRAZO
* Desfile do traxe tradicional galego, a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, ás 20:30h no Paseo Marítimo (Moaña).
* Actuacións das agrupacións Donaire, Trébede e A Buxaina, ás 21:00h na Paseo Marítimo (Moaña).
– De LUNS 6 a SÁBADO 11 de setembro:
* Exposición “Tecendo a natureza” (cestería de madeira), por Enrique Táboas, no Alto da Praza de Abastos (Moaña). Inauguración da exposición o luns 6 de setembro ás 20:00h.
– MARTES 7 de setembro:
* Charla sobre árbores senlleiras de Galicia, por Gaspar Bernárdez, no Salón de Plenos do Concello de Cangas, de 20:30h a 21:30h.
– XOVES 9 de setembro:
* Charla sobre o Entroido de Cobres, por Anxo Rosales, na Casa do Pobo de Beluso (Bueu), de 20:30h a 21:30h.
– VENRES 10 de setembro:
* Obradoiro de canto e pandeireta, por Xisco Feijóo, de 20:30h a 22:00h, na Piscifactoría de Peis d’hos, en Cangas.
– SÁBADO 11 de setembro:
* Obradoiro de bordado ao aire, por Bego Martínez, de 11:00h a 13:30h no Torrecino en Cela (Bueu).
* Obradoiro do baile na Limia, por Olga Kirk, de 17:00h a 18:30h, na Piscifactoría de Peis d’hos, en Cangas.
* Obradoiro de tarrañolas por Antonio Prado, de 17:00h a 18:30h. na Casa da Música en Bueu.
* Obradoiro de castañolas por Artur Puga, de 19:00h a 20:30h, na Piscifactoría de Peis d’hos, en Cangas.
* Obradoiro de ornamentación para gaita por Lucía Eiros, de 19:00h a 20:30h. no Alto da Praza de Moaña.
* FOLIADA de clausura das Xornadas Etnográficas do Morrazo, a partir das 21:00h. no Adro de Darbo (Cangas).
A maiores, poden facer un seguimento do evento nas súas redes sociais:
– https://www.facebook.com/xornadasetnograficasdomorrazo
– https://www.instagram.com/xornadasetnograficasmorrazo




